maio de 2011
 
 

30/05/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE
 

O modelo público, en perigo

O Sistema  de Saúde  vive un dos momentos máis críticos da súa historia. O debate sobre o copagamento non é máis que a punta dun enorme iceberg impulsado por aqueles que, aproveitando a crise, defenden como inevitable o fin do actual modelo asistencial universal e avogan por distintos tipos de recortes.

 

  • Noticias relacionadas

As solucións propostas dende os think tanks sanitarios, na súa maioría promovidos pola industria farmacéutica e integrados entre outros por exresponsables sanitarios de todo signo político, insisten en favorecer a iniciativa privada e facer o paciente máis responsable da súa saúde mediante achegas como o copagamento. Do papel básico da sanidade pública como garante do Estado do benestar e baluarte da equidade e da redistribución dos recursos á marxe da renda, fálase moito menos.
 
Albert Jovell, presidente do Foro Español de Pacientes, que bota en falta, antes de calquera debate, que se poñan en valor as virtudes do SNS. "Parece que só custa diñeiro, pero é o mellor do mundo en equidade e avanzou moito en calidade e excelencia", afirma. Para Jovell, á marxe de corrixir as ineficiencias que ten o sistema, é esencial que as medidas que se tomen no futuro se leven a cabo "sen prexudicar aos máis vulnerables".
 
E iso é o que podería pasar, a xuízo dos expertos, se se instaura o copagamento sanitario, que en realidade debería chamarse repagamento, porque a sanidade xa está financiada cos impostos de todos.
 
Risco de discriminación
 

"Agora emerxe o debate do copagamento presentándoo como un elemento para racionalizar o comportamento dos consumidores, pero a evidencia científica é que non hai argumentos moi robustos ao seu favor dende o punto de vista financeiro nin dende a eficiencia", engade Oteo da Escola Nacional de Sanidade. Na súa opinión, "cando se puxeron copagamentos, conseguiuse discriminar as persoas con menos renda, os doentes crónicos e os anciáns".
 
Non obstante, mentres se anda con voltas co debate sobre o copagamento, consolídanse outras propostas que, como os modelos de asistencia de titularidade pública e xestión privada, atacan a raíz mesma do modelo sanitario público sen crear alarma social. O mesmo experto da Escola Nacional de Sanidade recorda que hoxe ninguén cuestiona que este mecanismo, empregado con profusión polo Goberno de Esperanza Aguirre en Madrid, e por Feijoo na nosa nación, é "moito máis custoso" para as arcas públicas que os modelos 100% públicos. Iso si, ten a vantaxe de que a Administración consegue a infraestrutura nun prazo curto de tempo e demorando o seu pagamento no tempo, unha fórmula perfecta, e máis en tempos de crise, para cumprir promesas electorais. "Ao final transmítese ás novas xeracións unha carga que non merecen cando hai mecanismos para conseguir esas infraestruturas con fondos públicos", agrega Oteo.
 
Debilitar a protección social
 

Pero o esquema privatizador esconde outra ameaza. É evidente que se busca o debilitamento dos sistemas públicos de protección social para que a xente vexa xustificada o investimento no sector privado. incorporar a lóxica do mercado ás políticas públicas fai que non se orienten en función das necesidades e dereitos dos cidadáns, senón do beneficio das concesionarias. Como exemplo, no caso dos hospitais da comunidade de Madrid, a rendibilidade das concesionarias é de en torno ao 12%. Non" hai "negocio tan rendible para estas como os novos hospitais; estamos a deixar de ser suxeitos de dereitos para pasar a ser meramente consumidores.
 
Curiosamente, no debate sobre a sostibilidade do sistema poucos formulan destinar unha maior parte dos presupostos a sanidade, malia que o Estado é dos países desenvolvidos que dedica unha menor porcentaxe do PIB a este sector. “Se hai que subir nun punto do PIB o que dedicamos a sanidade, haberá que facelo, pero entre todos, non a custa dos que menos teñen”, sostén o presidente da Organización Médica Colexial, Juan José Rodríguez Sendín.
 
Tamén no ámbito da farmacia existe marxe de actuación, malia que o Goberno estima en 2.500 millóns os aforros conseguidos cos recortes de prezos levados a cabo por decreto. E é que, segundo sinala Oteo, "se financian moitos insumos farmacéuticos que teñen utilidade nula, pero que se manteñen no sistema polas relacións de trastenda que existen neste sector".
 
Pero non se trata só de falar de modelos económicos. Tamén existe unha base de acordo acerca de que o modelo actual, configurado nos anos setenta e pensado para atender as patoloxías agudas dunha poboación nova, non se axusta nin ao número de habitantes nin ao perfil do doente actual, máis envellecido e afectada por enfermidades crónicas que requiren unha abordaxe moi diferente.
 
Unha nova asistencia
 
"O chasis organizativo quedou anticuado". Son palabras de Rafael Bengoa, o conselleiro de Sanidade de Euskadi, unha das poucas comunidades que empezou a implementar un modelo distinto, no que se mesturan a sanidade e a atención á dependencia. Neste contexto, medidas como o copagamento carecen de sentido: "O copagamento non nos soluciona isto nin vai mellorar a atención aos crónicos", sinalaba hai pouco.
 
Pero a sostibilidade do sistema descansa tamén sobre os seus profesionais. A xuízo de Oteo, son eles os que deben ter un maior papel na gobernabilidade do sistema "porque deciden a maior parte dos seus gastos" e, ademais, custodian os seus valores.
 
Neste sentido, non é doado que os profesionais sanitarios deixen que a calidade do sistema se resinta. Un exemplo é o caso catalán, onde os recortes anunciados polo Goberno de CiU se toparon coa oposición frontal de médicos e enfermeiras. "Os que aplican as medidas son os profesionais e é moi difícil que se presten a medidas que supoñan unha perda de calidade", agrega Rodríguez Sendín. O presidente dos médicos non cre que o sistema estea en perigo "porque nin a poboación nin os profesionais o tolerarían", pero por se acaso fai unha advertencia final: "Este sector non dá votos, pero quítaos".
 
Artigo recopilatorio de varios aparecidos en Publico

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript