30/05/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
"Isto é democracia, e non a de Sol"
"Falouse moito de que hai que escoitar o
pobo, e onte os cidadáns falaron onde deben facelo:
nas urnas. " -Esteban González
Pons, vicesecretario de Comunicación do PP-
Se aínda se pode falar hoxe de dúas Españas,
talvez sexan as que o domingo pola noite ocupaban a
rúa en Madrid separados por apenas un quilómetro. Á
mesma hora que miles de cidadáns participaban nunha
asemblea na Porta do Sol, outros miles celebraban a
vitoria do PP na rúa Xénova. En ambos os dous
sitios había pancartas, berros e ilusión, pero aí
remátanse as coincidencias.
Entre os lemas máis coreados fronte á sede do PP,
destacou un: "Isto é democracia, e non o de Sol",
ao que seguía outro máis agresivo: "Porta do Sol,
disolución,". Onte as valoracións dos dirixentes
populares e os seus medios afíns insistían na
mensaxe: " Non dicían que había que dar a palabra
aos cidadáns? Pois mira o que din os cidadáns cando
falan nas urnas! ", presumían algúns, dando por boa
a aposta dos días previos, cando a dereita
mediática botou un pulso aos acampados convertendo
o lema de "Democracia real xa" nun "Democracia real
hoxe", "Que falen as urnas", ou "A hora da
democracia", segundo titulaban o domingo os tres
principais diarios de dereita.
Na mesma liña, os tertulianos máis hostís ao
movemento 15-M celebraban a pouca presenza de xente
nas acampadas onte pola mañá (luns laborable),
prognosticaban unha pronta evaporación destas por
falta de apoio, e instaban a que a autoridade as
disolvese no caso contrario. Era evidente o ánimo
revanchista nos comentarios: unha forma de dicir
aos que protestan contra o sistema político, a lei
electoral, o bipartidismo e a partitocracia, que se
non queres arroz, dúas cuncas.
Desta forma algúns pretenden ampliar a vitoria do
domingo: o PP non só habería vapuledado a Zapatero,
senón que ademais tería derrotado os "indignados"
que piden máis e mellor democracia. De forma que o
do domingo non era xa só un referendo revogatorio
contra Zapatero, senón tamén contra os
"antisistema", e por suposto ambos os dous gañounos
o PP.
E aínda haberá quen votou crendo que se trataba de
elixir alcalde!
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript