maio de 2011
 
 

23/05/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

Os traballadores da Xunta responden a Feijoo

Despois das asembleas realizadas (por todos os traballadores dos servizos centrais da Xunta) os traballadores  fixeron, a semana pasada, unha concentración diante dos edificios administrativos de San Caetano. A mobilización responde a manifestacións do presidente sobre a baixada dos soldos dos funcionarios ou a extensión da xornada laboral ás tardes, así como a opinións sobre o absentismo laboral deste colectivo que, segundo a representacion do persoal, é o mesmo que noutros colectivos laborais.

 

 

 

Arredor de medio milleiro de traballadores da Xunta concentráronse para esixir ao presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijoo, que «cese» na súa «campaña de desprestixio» cara aos traballadores públicos.

Os traballadores concentráronse ante os edificios administrativos en San Caetano convocados pola Xunta de Persoal e o Comité de Empresa nunha mobilización «en defensa da dignidade», e recordaron ao presidente que a maioría dos traballadores desta administración apenas chegan a cobrar mil euros ao mes.

A Xunta de Persoal e o Comité de Empresa –os órganos de representación dos funcionarios e do persoal laboral, respectivamente– enviaron unha carta ao presidente galego, na que lle manifestan o seu malestar polas críticas feitas por Feijóo respecto dos empregados públicos hai uns días. O titular autonómico criticaba, entre outras cousas, que o absentismo laboral “é un problema moi intenso na Administración Autonómica”. “Estamos fartos de que vostede fale mal dos seus compañeiros”, indican no escrito. No documento destacan que Feijóo tamén é un funcionario en excedencia e recrimínanlle que non debata os problemas da administración nos órganos pertinentes. No seu lugar, os traballadorres sinalan que Feijóo vai “con mentiras á prensa”.

Na carta, a Xunta de Persoal e o Comité de Empresa indican que os comentarios de Feijóo “non responden á verdade, son falsos e inxuriosos” e tamén lle botan en cara que non entenda que dous días de retraso no pagamento das nóminas supoña un problema para moitas familias. “Tal vez vostede non teña problemas para chegar a fin de mes, pero unha gran maioría dos cidadáns e cidadás que traballamos nesta administración non chegamos nin a mil euros ao mes”, sentencian no escrito remitido ao presidente.
Os traballadores esixen unha rectificación e unha desculpa públicas e que cese a “campaña de desprestixio á que vostede –por Feijóo– gozosamente se sumou”, indican na carta. Pese a isto, están dispostos a negociar calquera asunto.

A carta remitida a Feijóo non é a única. Tamén lle envian outra á Conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, para que se comprometa “por escrito” a que “en ningún caso” se vai a producir un recorte nos salarios dos empregados da Administración galega a maiores do 5% de 2010 e da conxelación prevista para este exercicio.

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript