maio de 2011
 
 

23/05/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

No novo curso as taxas subirán entre un 3,6% e un 7,6%

Fai aproximadamente un mes os reitores das universidades galegas dicían que a universidade pública "debe garantir o acceso de todos aos estudos superiores", como ata agora, que "non" son tempos para incrementar prezos pola crise", e que a calidade do ensino non depende do cara que sexa cada institución académica.

 

  • Noticias relacionadas

 

Sen embargo o ministro de Educación Angel Gabilondo ven de indicar que os prezos públicos da primeira matrícula universitaria aumentarán entre o 3,6 e o 7,6% para o curso 2011-2012. O efecto Boloña comeza a notarse.

A forquita no aumento de prezos en primeira matrícula na Universidade depende das comunidades autónomas, que poden manter o mesmo prezo actualizado co IPC ou a partir de aí elevalo ata un 4% máis.

A finais de marzo a taxa de inflación interanual era do 3,6%, co que as novas matrículas poderán subir entre un 3,6 e un 7,6%, aclarou Gabilondo, que tamén puntualizou que "este sistema é basicamente igual dende 2002 e  manterase ata 2013", en que se negociará o novo modelo de financiamento.

Para os másteres o aumento do prezo fixado será do IPC e as ensinanzas de doutorado encareceranse entre 200 e 400 euros.

Menos prazas universitarias

En declaracións previas á súa reunión co Consello de Estudantes do Estado, Gabilondo tamén adiantou que no novo curso se ofrecerán 330.621 prazas, o que supón "unha leve diminución" con respecto ao curso anterior (336.101) ".
"Isto explícase porque moitas das novas titulacións que se puxeron en marcha o ano pasado axustaron a súa oferta", subliñou. Esta redución non a notarán as facultades de Medicina, que ofrecerán un 1,5% de prazas máis, ata chegar ás 6.919.

Máis diñeiro para os mellores subvencionados

O Ministerio de Educación quere premiar con 150 euros anuais aos alumnos universitarios subvencionados que superen máis créditos ou materias das que lles corresponde por curso.

"Trátase dunha proposta na que se ten en conta máis claramente o rendemento, pois aqueles que fagan máis créditos dos que son indispensables para manter a bolsa, recibirán un apoio de 150 euros. Non é nada, pero é moito para o que lograse un mellor resultado", explicou o ministro.

Gabilondo recordou que, a pesar da crise económica, as bolsas e axudas de Educación quedaron exentas do plan de austeridade do Goberno. Non obstante, sinalou que esta é a proposta do seu Ministerio para o próximo curso académico 2011-2012, pero que terá que ser aprobada polo Consello de Ministros.

Penalízase a terceira matrícula

Ademais, Gabilondo esbozou outra medida que tamén ten que ver co rendemento e é que, a partir da terceira matrícula dunha materia, o Estado deixa de aboar a súa parte e, polo tanto, o estudante terá que pagar integramente o custo desta.

O público non quere dicir exactamente gratis

"Que por terceira vez se presente á mesma materia terá que aboar a matrícula porque o diñeiro é de todos. O público non quere dicir exactamente gratis, senón que o pagamos entre toda a sociedade, pois é tempo de crise para os que non están na universidade e teñen que pagar cos seus impostos as matrículas", aseverou o ministro que aposta por "unha política equilibrada na que o esforzo sexa compartido entre todos".

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript