maio de 2011
 
 

16/05/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

"Púidose evitar"

Está na falla máis activa do estado, pero carece de planos de sismo-resistencia •• O balance son nove mortos e 324 feridos, tres graves •• Os cidadans do estado "non están preparados para terremotos"

 

  • Noticias relacionadas

 

Por que dous terremotos esperábeis na falla máis activa do Estado español, dunha magnitude moderada -4,5 e 5,1-, deixan nove mortos e 324 feridos, tres deles graves, na súa sacudida?

Para a vicepresidenta da Federación Europea de Xeólogos, a galega Nieves Sánchez Guitián, o lóxico sería esperar a ter un infome técnico para poder facer unha valoración adecuada: "Se nos atopamos con que os edificios que caen son razoabelmente antigos, é un risco que hai que aceptar, non se pode facer nada se se derruba unha igrexa antiga. Cousa ben distinta é se os predios se construíron desde hai trinta anos, porque iso significaría que incumpren a norma de construción sismo-resistente e que hai que demandar responsabilidades". Ese foi o caso do destrutivo sismo de L"Aquila, Italia, do 2009, de 6.3 graos, no que a investigación demostrou graves carencias nas infraestruturas.

Dados os elevados custos económicos que suporía, a lei non obriga a revisar a sismo resistencia dos predios. Daquela, a maioría das poboacións das principais zonas de tremores do Estado están en certo perigo. "Hai zonas nas que non tería demasiado sentido o investimento", detalla. "Por exemplo, a Catedral de Santiago, non parece que vaia correr perigo dado o baixo perfil sísmico da zona, sobre todo cando hai riscos naturais no lugar que si son máis importantes, como o radón".

É dicir, considérase que un predio está ben ou mal contruído en función dunha data, 1957, cando se aprobou a primeira lexislación neste sentido; é dicir que están ben ou mal construídos. "Levo 50 anos escoitando en terremotos que os edificios están mal construídos. Pero cada edificio está elaborado coas normas do ano en que son proxectados e cos materiais dese tempo, polo que probabelmente moitos non cumpren as condicións actuais", reflexiona o presidente da Asociación Española de Enxeñería Sísmica, Alex Barbat. Pero existe unha excepción a esta regra: "Os edificios de primeira necesidade "deben ser sempre re-actualizados para que estean ao nivel das esixencias actuais. Os hospitais teñen que coidar especialmente e telos sempre ao día, non só a estrutura, senón tamén todas as instalacións, os aparellos médicos, que teñen que quedar en funcionamento tras un terremoto destas características".

Da mesma opinión é o vicepresidente do Colexio Oficial de Xeólogos, José Luis Barrera Morate, "sorprendido" de que os dous hospitais máis próximos a Lorca sufriran danos e tiveran que ser desaloxados. "A atención sanitaria aos afectados ten que estar prevista en situacións de urxencia".

A conselleira de Sanidade de Murcia, María Ángeles Palacios explicou que a decisión de trasladar os pacientes do Hospital Rafael Méndez "tomouse como medida de seguridade e para garantir a asistencia sanitaria no Area de Saúde III de Lorca".

A última norma de sismo resistencia, vixente desde o ano 2002, é obrigatoria para todas as novas construcións e materialízase en reforzos en cimentacións, piares, vigas e armaduras, para facelos máis resistentes e evitar o efecto colapso "tipo sándwich". Este efecto non se produciu en Lorca, "pero o terremoto causou máis danos dos que corresponden a un de magnitude 5.2". Por iso sinala os concellos como "principais garantes de que a norma se cumpra estritamente cando outorgan as licenzas de edificación", lembra o presidente do Colexio de Xeólogos, Luis Suárez. A normativa aplícase en función do mapa de perigo sísmico e Murcia constitúe unha das zonas máis activas de todo o Estado xunto coas provincias de Granada, Málaga, Almería e Alacante.

Ademais, Lorca aséntase sobre un val onde predominan os terreos areosos e de gravas: "Son tipos de solo que ante movementos sísmicos, o terreo ten un comportamento plástico, case líquido, o cal agrava o risco de danos e ata de colapsos nos edificios", un fenómeno coñecido como licuefacción.

Con todo, o mércores produciuse un fenómeno pouco frecuente, xa que a réplica que seguiu ao sismo, de 5,1 na escala de Richter, foi maior que o primeiro, de 4,5, segundo o vicepresidente do Colexio Oficial de Xeólogos. Para Barrera, malia as dificultades para evitar un sismo destas características, "púidose ter unha previsión maior no centro antigo do municipio e ter máis coidado nos elementos arquitectónicos da localidade". Sobre todo tendo en conta que en Lorca xa se rexistraron terremotos "con até 40 mortos", aínda que nunca se superaron os 5,5 graos de magnitude, nin "cabe esperalos". Porén, segundo Barrera, o Concello "carece de calquera tipo de norma sismorresistente".

"Os españois non están, desafortunadamente, preparados" para enfrontarse a un terremoto, cuxas consecuencias tardarán varias semanas en ser avaliadas", asegura Barbat. "É o momento de tomar decisións e traballar nisto".

Barrera prognosticou que o tremor circundaría Andalucía

O vicepresidente do Colexio de Xeólogos, José Luis Barrera prognosticou hai un mes a alta probabilidade de que o seguinte terremoto se rexistrase en Andalucía. "En realidade, non se pode predicir con exactitude de que magnitude será e cando se vai producir, posto que non hai estatísticas suficientes sobre o tempo que transcorrerá até que chegue un novo terremoto".

O último gran terremoto produciuse en 1884 en Granada. "Todos os días a terra treme na Península, aínda que a poboación non o note", asegura, mentres recomenda concienciar sobre o cumprimento da sismorresistencia. Un elevado número de cidadáns do planeta viven en lugares con perigo de terremoto. Hai zonas, como a de Haití, onde a terra treme sen cesar, pero a maioría das veces tamén resulta imperceptíbel para a cidadanía. No bordo da placa presente en Chile acontece o mesmo. Pero hai outros lugares do mundo "moi preparados". Na zona de California, en San Francisco, "está todo perfectamente asegurado, con normas estritas de sismorresistencia". A razón non é outra que a proximidade dun gran terremoto. Neste punto de falla de San Andrés, límite da placa norteamericana coa do Caribe, non se producen tremores de alta magnitude desde hai uns 800 anos. Así que, se se ten en conta o período de recorrencia, producirase en datas "máis ou menos próximas". Os grandes sismos, de magnitudes superiores a oito graos e "moi destrutivos", son habituais e que cada ano adoita haber un no mundo. "No 2010 xa se cumpriu. De feito, o de Haití non foi de magnitude oito, pero si o de Chile -o pasado 27 de febreiro, que alcanzou os 8,8 graos-", lembraba o vulcanólogo en xaneiro. "Este ano, aínda que talvez non se produza en Chile, se cadra si se dá en Xapón ou na falla de San Andrés", dixo daquela. E acertou co país nipón.

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript