16/05/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Velaquí o texto que se lerá nas concentracións deste 17 de maio.
As galegas e os galegos
festexamos no Día das Letras o feito de termos un
idioma propio, milenario e fértil. Celebramos a
lingua que nos une; a fala que herdamos e queremos
deixar en herdo; a escrita que nos pensa, nos canta
e nos soña.
Mais neste Día das Letras do ano 2011 non só
podemos festexar e celebrar. Tamén nos vemos na
necesidade de chamar a atención sobre os ataques
que está a recibir nestes momentos o noso idioma.
Estas inxustas agresións poñen en perigo o futuro
da nosa lingua e da nosa cultura, ademais de
debilitaren gravemente a convivencia e a cohesión
social do país.
Temos que erguer a nosa voz para denunciar que a
indefesión dos nosos dereitos lingüísticos é maior
desde o momento en que a persoa que debería ser a
primeira valedora do noso idioma –o presidente da
Xunta– é o seu inimigo número un. Desde que Alberto
Núñez Feijóo tomou posesión como presidente do
Goberno galego, hai xa dous anos, a Xunta aínda non
adoptou nin un mísero adianto para a nosa lingua en
ningún ámbito. Ben ao contrario, desde 2009 estamos
a ver como se tenta facer, pola vía dos feitos, que
o galego deixe de ser na realidade lingua oficial.
É difícil facer unha listaxe completa de todo o
destruído, mais recordemos cando menos algunhas
cousas:
- A pesar da oposición dos sindicatos, o PP aprobou
en solitario unha reforma da Lei da Función Pública
que elimina de feito o galego como requisito,
colocándoo nunha posición secundarizada a respecto
do castelán.
- A pesar do rexeitamento de sindicatos,
asociacións de nais e pais, asociacións estudantís,
institucións culturais, Consello Escolar de Galiza,
etc., a Xunta aprobou un decretazo contra o galego
que supón o modelo educativo máis regresivo de todo
o Estado español. O galego é o único idioma do
Estado que ten prohibido o seu uso en determinadas
materias de ensino. Nestes momentos, só 10% da
educación infantil das cidades é en galego, a pesar
de que o solicitaron 40% das familias. Esta
realidade amosa o verdadeiro sentido da mal chamada
Lei de Convivencia, que persegue reducir aínda máis
a presenza do galego na escola.
- Na administración de Xustiza, a Xunta distribuíu
un programa informático que, desde maio do ano
pasado, impide usar o galego.
- A Xunta ordenou aos centros de ensino que se
desfixesen de 190.000 libros de texto gratuítos
para as familias, adquiridos pola propia Xunta na
anterior lexislatura e que tiñan unha vida útil de
dous anos máis. O motivo é que estaban escritos en
galego. A Asociación Galega de Editores calcula en
3,8 millóns de euros o valor dos volumes
desbotados, que nunha parte volveu a financiar a
Xunta –cun diñeiro público que sería moi necesario
para outros cometidos–, e que tiveron que cubrir as
familias no resto.
- A Xunta de Galiza, que tanto vende “austeridade”,
leva malgastadas cantidades inxentes de diñeiro só
en tentar reducir o galego no sistema educativo. A
eses 3,8 millóns de euros de libros de texto
inutilizados hai que sumarlle os 40.000 euros que
custou mudar as Galescolas en Galiñas Azuis, os
160.995 euros da pseudoconsulta ás familias, etc. A
presión social logrou parar unha campaña sobre o
decretazo que a Xunta xa tiña adxudicada, por valor
dun millón de euros, mais descoñécese a
indemnización que a Xunta afrontou pola suspensión
do proxecto.
- O presidente da Xunta ameaza con derrogar a Lei
de normalización lingüística, aprobada por
unanimidade no Parlamento hai case 30 anos. Quere
que os nosos nomes de lugar deixen de ter como
forma oficial a propia, a galega.
- A vida cultural galega, nas súas diferentes
expresións (audiovisual, teatro, música, etc.),
está a ser minusvalorada e desprotexida pola Xunta,
ao mesmo tempo que desprezada e infrarrepresentada
na CRTVG.
- A pesar de que o Estatuto de Autonomía sinala a
obriga dos poderes públicos galegos de potenciar o
uso do noso idioma tamén no ámbito informativo,
moitos dos medios que utilizaban con normalidade a
nosa lingua viron na obriga de fechar. A Xunta deu
de baixa as subscricións e negouse a pór
publicidade nos xornais electrónicos ou impresos
que usaban o noso idioma e daban unha visión da
realidade diferente á oficial. Debemos denunciar
con claridade que esta política pon en perigo a
liberdade de expresión.
O poeta Lois Pereiro, a quen lle dedicamos este ano
o Día das Letras, di nun dos seus poemas:
A amizade protexe e o amor cura
o odio contaxia e fire
a indiferencia mata.
Apliquemos estes versos á nosa lingua. Fronte ao
odio e fronte á indiferenza, o noso amor.
Paremos os ataques contra o galego!
Lugares e hora da mobilización
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript