maio de 2011
 
 

16/05/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

Asembleas conxuntas de todo o PAS si, sempre que sexa posible

A Universidade decidiu, avalada pola aprobación dos orzamentos do ano 2011, onde, de xeito sibilino, introduciu esta medida, que as partidas destinadas á acción social pasaban ao Capítulo I.

 

 

 

Dado que o intercambio de vacacións é unha das accións sociais máis demandadas polo PAS,o Comité de Empresa valorou, no seu momento, a necesidade de continuar con esa acción aínda que se lle reclamase á Universidade a xestión da mesma.

A Xerencia indicou que non podía asumir, polo menos este ano, a xestión integral do intercambio. Situounos esta irracional actuación da Universidade, que crea un problema sen previsión de darlle a solución correspondente, na tesitura de que, ou a Comisión de Intercambio asumía, este ano, a xestión do mesmo, ou non había intercambio.

O que aconteceu nos últimos días, coas asembleas conxuntas non é máis que a continuidade do acordado, no seu día polo Comité de Empresa e pola Xunta de Persoal.

Cando comezou a traballar a Comisión de Intercambio atopouse cunha serie de problema que lles impedía realizar a xestión: por un lado a falta de documentación, por outro os criterios para asignación de prazas nin lles parecían racionais nin propiciaban a transparencia do proceso, ademais de que as sancións non estaban xustificadas nin había documentación ao respecto.

O primeiro, polo tanto, que correspondía facer era un Regulamento que, aprobado por todo o PAS servise de base para asignación das prazas. Esta acción social non distingue entre PAS laboral e funcionario, polo tanto correspondía aprobalo en conxunto, (sería moi difícil de arranxar unha posible decisión de asembleas diferentes que chegasen a conclusións ou acordos contraditorios).

Como todo o proceso ten que estar rematado o 31 deste mes, urxía a decisión. Unha vez recibida a proposta da Comisión, o día 5, o presidente do Comité, enviou un correo electrónico a todos os/as que compoñen o Comité de Empresa no que se consultaba sobre a pertinencia da realización da asemblea conxunta ou, polo contrario non correspondía. Unha vez que se tivo resposta afirmativa dos sindicatos USO e UGT, que xunto co maioritario CUT sitúan a decisión nunha maioría moi maioritaria do Comité procedeuse, o día 6, á aceptación da asemblea conxunta. A CIG foi o único sindicato que se pronunciou en contra da asemblea. De todos os xeitos procedeuse, tamén, á convocatoria urxente do Comité de Empresa para o luns, día 9, onde se analizaría pormenorizadamente a proposta da Comisión.

En definitiva hai dúas alternativas, facer a acción social ou non facela, os sindicatos posiciónanse segundo a alternativa que defenden. O sindicato que non quere que se realice pon todas as trabas posibles para a súa execución.

Somos unha universidade con poucos anos de vida pero xa hai antecedentes aos que remitirse para moitos dos acontecementos. Non é a primeira vez que se convocan asembleas conxuntas (ver convocatorias), no seu momento non foron criticadas, todo o contrario puláronse polo interés  xeral do colectivo de PAS e concluíron incluso, nunha convocatoria conxunta de paro. Parece difícil de entender, unha vez máis, que o que antes se propiciaba agora sexa, incluso, ilegal.

Resulta incomprensible, tamén, como unha organización que finaliza un comunicado cun saúdo de clase (un sindicato de clase  aglutina a traballadores e traballadoras de todos os sectores da economía), nun tema como este que afecta aos dous colectivos indistintamente, se posicione en contra, por un lado da consulta e, por outro, de facerse, entende que se ten que facer por separado. Ten medo a que uns nos infectemos a outros?, en definitiva unidos si, pero, como vemos, cando convén cada un polo seu lado.

Dicímolo e cumprímolo sempre, somos un sindicato asembleario e, cando sexa posible, pola razón do asunto a decidir, estenderemos as asembleas a todo o PAS.


Queremos darlle as grazas á compañeira que nos pasou as convocatorias do ano 1998, nos xa non as tiñamos.

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript