maio de 2011
 
 

09/05/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

O Supremo condena á Xunta a pagar trienios aos interinos con carácter retroactivo

Os funcionarios interinos da *Xunta teñen dereito a cobrar trienios con carácter retroactivo, é dicir, que poden reclamar o pago da antigüidade acumulada desde que entraron a traballar para a Administración pública antes de 2007, data na que entrou en vigor o Estatuto Básico do Empregado Público que xa recolle este dereito. Así o acaba de ratificar o Tribunal Supremo nunha sentenza emitida o mes pasado e que suporá un importante desembolso para o Goberno galego xa que son moitos centenares de traballadores os que se verán beneficiados por esta resolución xudicial.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

A sentenza emitiuse tras o recurso presentado por un funcionario interino da Xunta que reclamaba atrasos desde agosto de 2003 ata maio de 2007, cando entrou en vigor o estatuto do empregado público, que por primeira vez recoñeceulles a estes traballadores non fixos o seu dereito a cobrar trienios. Nas administracións públicas existen traballadores que levan máis de vinte anos en situación de interinidade. No Goberno galego existen ao redor de 2.000 interinos.

O Supremo desta forma confirma totalmente a sentenza inicial e pioneira ditada polo Xulgado do Contencioso Administrativo Número 3 da Coruña en marzo de 2009, que tamén estimou o recurso deste funcionario en contra da negativa da Xunta a recoñecerlle os trienios anteriores a 2007. O Ministerio fiscal defendeu a postura deste traballador no preito ante o Supremo ao reclamar a desestimación do recurso do Goberno galego.

Esta importante decisión xudicial tamén afecta por extensión aos interinos do resto de administracións públicas, como poden ser os concellos, pois confirma que por encima do Estatuto Básico do Empregado Público aprobado polo Goberno español prima a directiva europea do ano 1999 que aprobou o acordo marco que prohibiu calquera trato diferente entre traballadores de duración determinada e empregados fixos.

Os maxistrados valoraron sobre todo o precedente dunha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea de 22 de decembro de 2010 que confirmou que a directiva europea do 99 era de "aplicabilidade directa" e recoñeceu ademais que os estados membros, como España, están obrigados, en virtude do acordo marco, a pagar aos funcionarios interinos os trienios con efecto retroactivo.

O Alto Tribunal tamén menciona unha sentenza que xa expuxo o xulgado coruñés no seu fallo inicial, a do tribunal europeo de setembro de 2007 -un recurso contra o Servizo Vasco de Saúde- que declarou a igualdade entre os traballadores temporais e os fixos xa que, se non hai razóns obxectivas, non poden ter unha retribución diferente porque sería discriminación

Nesta sentenza tamén se recoñeceu a aplicación retroactiva do Estatuto Básico do Empregado Público e tamén se destacou que España tardou en traspoñer a directiva europea de 1999 posto que non o fixo ata 2007.

O avogado do Estado presentou recurso de casación "en interese de lei", ao entender que a interpretación da legalidade que fixo no seu día o xulgado coruñés "foi errónea" pois o Estatuto Básico do Empregado di claramente que só hai dereito ao abono dos trienios *devengados logo da entrada en vigor deste documento, polo tanto xa se di que non existe retroactividade. Negou ademais que a directiva europea do 99 prevalecese sobre o dereito nacional.

O Supremo, nesta resolución xudicial do mes pasado, directamente desestimou o recurso da Xunta ao entender que non reunía os requisitos básicos para ser "en interese de lei", é dicir, que o xulgado coruñés non cometeu ningún erro na interpretación da directiva europea do 99 e ademais existen xa sentenzas do tribunal europeo, sobre todo a do 22 de decembro de 2010, que xa fixaron con "termos suficientemente claros" a interpretación de dita directiva.

Con esta sentenza calquera interino ou contratado temporal ao servizo dunha administración pública pode reclamar o pago da antigüidade aínda que a Administración só estará obrigada a pagar os atrasos dos últimos catro anos pois a lexislación advirte que aos catro anos prescriben as débedas coa Administración.

A Opinion

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript