Algunhas destas persoas
considerámonos máis progresistas, outras máis
conservadoras. Unhas crentes, outras non. Unhas
temos ideoloxías ben definidas, outras
considerámonos apartidarias e outras apolíticas…
Pero todas e todos estamos preocupados, indignados
polo panorama político, económico e social que
vemos arredor de nós. Pola corrupción da clase
política, empresarial e da banca… pola indefensión
da cidadanía de a pé.
Esta situación fainos dano día tras día. Pero se
nos unimos, podemos mudala. É hora de pórse en
movemento, hora de construírmos entre todos, entre
todas, unha sociedade mellor. Por iso sostemos
firmemente o seguinte:
- As prioridades de toda
sociedade avanzada deben ser a igualdade, o
progreso, a solidariedade, o libre acceso á
cultura, a sustentabilidade ecolóxica e o
desenvolvemento, o benestar e a felicidade das
persoas.
- Existen uns dereitos
básicos que deberían estar cubertos nestas
sociedades: dereito á vivenda, ao traballo, á
cultura, á saúde, á educación, á participación
política, ao libre desenvolvemento persoal e ao
consumo dos bens necesarios para unha vida
saudable e feliz.
- O actual funcionamento do
noso sistema económico e gobernamental non
atende a estas prioridades e constitúe un
atranco para o progreso da humanidade.
- A democracia parte do
pobo (demos = pobo; cracia = goberno), de xeito
que o goberno debe ser do pobo. Así e todo, a
maior parte da clase política nin sequera nos
escoita. As súas funcións deberían ser as de
levar a nosa voz ás institucións, facilitando a
participación política e cidadá mediante vías
directas e procurando o maior beneficio para o
groso da sociedade, non a de se enriqueceren e
medraren a expensas de nós, atendendo
unicamente aos ditados dos grandes poderes
económicos e aferrándose ao poder mediante unha
ditadura partitocrática encabezada polas
inamovibles siglas do PPSOE.
- A ansia e acumulación de
poder nunhas poucas mans xera desigualdade,
crispación e inxustiza, o cal conduce á
violencia, que nós rexeitamos. O obsoleto e
antinatural modelo económico vixente bloquea a
maquinaria social nunha espiral que se consome
a si mesma enriquecendo unha minoría e sumindo
o resto na pobreza e escaseza. Até o colapso.
- A vontade e fin do
sistema é a acumulación de diñeiro, primándoa
por riba da eficacia e o benestar da sociedade,
estragando recursos, destruíndo o planeta,
xerando desemprego e consumidores infelices.
- Os cidadáns somos parte
da engrenaxe dunha máquina destinada a
enriquecer unha minoría que non sabe nin das
nosas necesidades. Somos xente anónima, pero
sen nós, nada disto existiría, pois nós movemos
o mundo.
- Se como sociedade
aprendemos a non confiar o noso futuro a unha
abstracta rendibilidade económica que nunca
redunda en beneficio da maioría, poderemos
eliminar os abusos e carencias que todos e
todas nós sufrimos.
- É necesaria unha
revolución ética. Puxemos os cartos por riba do
ser humano, mais temos que pólos ao noso
servizo. Somos persoas, non produtos do
mercado. Eu non son só quen compro, por que o
compro e a quen llo compro.
Por todo o exposto, estamos indignados,
estamos indignadas.
Cremos que podemos mudalo.
Cremos que podemos axudar.
Sabemos que, unidos, podemos.
Sae connosco. É o teu dereito.