09/05/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
O futuro membro da Academia Galega considera que hai que “reaccionar contra os ataques e revertelos”
Xosé Luís Regueira (Goiriz, Vilalba, 1958) é
catedrático de Filoloxía Galega na USC, experto no
ámbito fonético, membro da International Phonetics
Association e membro do Instituto da Lingua Galega
(ILG). A todos estes méritos profesionais hai que
unirlle, dende o pasado 25 de marzo, o título de
académico electo. O plenario da Real Academia
Galega decidiu ese día que era a persoa axeitada
para ocupar a vacante de Olga Gallego.
Como se entera un de que a RAG o escolleu como
académico e como senta a noticia?
Antes de propoñerte, pregúntanche se queres formar
parte. A partir dese momento xa non sabes o que
pasa. Son trámites internos da Academia. Logo
comunicáronme que a miña era a única candidatura.
Que sente un? Satisfacción do recoñecemento polo
teu traballo e tamén satisfacción porque teñen
unhas expectativas contigo, pensan que vas ser útil
no futuro. E espero ser útil nese sentido, porque
sabemos o que se fai na Academia. Sabemos que
traballa para a idioma, tanto no ámbito do corpus
da lingua, como tamén no ámbito da defensa da
lingua.
A Academia está a ter unha posición clara na
defensa da lingua e presentou un recurso contra o
decreto que foi admitido a trámite. Como
investigador e agora como académico, como definiría
a situación lingüística actual?
É unha cuestión de dominio público e, aínda que
polo momento non son académico numerario, o ingreso
non cambia esa mirada. Hai un intento coordinado e
dirixido politicamente para desmontar a
normalización do galego. E non é só desmontar a
normalización, senón tamén poñer en risco as
autonomías e poñer en risco os gobernos autónomos.
A imaxe que se quere consolidar é a dunha España
única e homoxénea en que se nos permite falar
galego nos nosos guetos, pero sen interferir cos
castelán falantes. O Goberno galego está apuntado
nesa política. Xa na campaña electoral empregábanse
ese tipo de argumentos baixo unhas estratexias moi
ben organizadas e que sinalaban que a normalización
quería dicir imposición e que a imposición do
castelán quería dicir liberdade. A educación, xunto
aos medios públicos, é un piar da normalización que
están tratando de desmontar. Temos que conseguir
reaccionar e reverter eses ataques, pero tamén ir
máis aló. Temos que conseguir novas vías de
normalización, non só limitarnos ao ensino e nos
medios públicos. Que pasa coa iniciativa privada?
Que pasa cos medios privados? Non somos capaces de
ter medios privados en galego? É unha pregunta que
hai que ir facéndose.
Que resposta lle daría a esa pregunta?
Non teño unha resposta, pero penso que hoxe debería
haber unha fibra social para seguir tecendo unha
serie de redes que teñan algún peso e con
capacidade de mobilización social. Hai moitísima
xente con vontade, vemos iso nas manifestacións en
defensa da lingua. Non só está toda esa xente, hai
moreas de profesionais realmente implicados e que
son sensibles á normalización. E outros moitos se
apuntarían seguramente. En todos os ámbitos. Temos
que ser capaces de crear dinámicas que leven a cabo
iniciativas, aínda que sexan pequenas, pero que se
poden multiplicar. Non é só asinar manifestos.
Temos que ter algunha capacidade de levar a cabo
moitísimas iniciativas.
Monteagudo primeiro e agora Regueira, dous
investigadores da lingua cunha postura moi clara. A
situación lingüística foi un factor para que os
escolleran ?
Non o sei realmente, non sei as razóns da Academia
para tomar estas decisións.
Pero parece claro que se fortalece a parte
filolóxica, dos investigadores, a relación co
ILG...
Si, evidentemente. Agora ben, eu non sei cales son
as razóns da Academia. É lóxico que teña un
apartado lingüístico forte na medida en que gran
parte das súas obrigas se centran nas normativas e
nos ditames sobre a lingua. Agora, tamén hai
escritores, historiadores, xente doutros ámbitos.
Cales son as proporcións? Non o sei. Tampouco sei
porque coinciden seguidas esteas dúas eleccións
cando outras veces son máis pausadas no tempo.
Sobre proporcións, ultimamente fálase moito da
presenza feminina. Aínda non ingresou na Academia,
pero como ve este debate?
O que teño oído é que a Academia ten a intención de
ir incrementando paulatinamente o número de
mulleres. Non hai ningún motivo para dubidar desa
vontade. Eu, dende fóra da Academia, como visión
persoal, penso que é normal que haxa un número de
mulleres similar de homes na medida en que en todo
tipo de profesións hai máis equilibrio entre as
forzas. Agora, coas academias sempre hai unha
diferenza temporal. Hai poucas mulleres na
Academia, iso é así. Pero cantas mulleres
escritoras en activo había nos anos sesenta? Había
algunha, poucas e algunha delas xa é académica.
Hoxe en cambio, se vas a unha libraría e miras as
publicacións, hai moitísimas mulleres. Que quero
dicir? Pois que son xente de corenta ou de menos
corenta anos. Iso quere dicir que dentro de nada
haberá un gran número de mulleres que estarán en
condicións de ser elixidas académicas. E quen di na
literatura di noutros ámbitos profesionais. Estou
convencido de que dentro de poucos anos o número de
académicas será maior.
Nalgunha entrevista dixo que Agustín Fernández Paz
e Xabier P. DoCampo tiñan que ser membros da Real
Academia Galega....
O xornalista preguntou e foi quen deu os nomes.
Cres que Agustín Fernández Paz debería estar na
Academia? Si. E Xabier P. DoCampo? Si, son grandes
escritores. Pareceu que eu sinalaba eses nomes, que
propuña eu. Agora ben, sigo manténdoo: son grandes
escritores. Fernández Paz, por exemplo, está a
recibir moreas de recoñecementos ben merecidos.
Quen debería estar na Academia? Hai ducias de
persoas con méritos para reclamar un posto na
Academia. En calquera caso, a Academia é un sitio
para traballar, pero non o único. A cultura galega
e a lingua non se fai só na Academia, fanse dentro
e fóra. Non hai que estar nela para traballar.
Trabállase en todos os ámbitos.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript