maio de 2011
 
 

09/05/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

O goberno central prepara outro “axuste salarial” para os empregados públicos

Os gobernos, central e autonómico, no seu afán por reducir o déficit público a toda costa aplicaron medidas ultraconservadoras. Estas medidas implicaron, nun primeiro momento, a conxelación das actuais pensións e a diminución do 5% dos salarios dos traballadores/as da Administración.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

Despois continuaron co desmantelamento da Administración Pública con taxas de reposición que levan á perda de calidade dos servizos dun xeito alarmante. Tamén adoptaron medidas a medio prazo asinando o pacto social que, acordado cos sindicatos “amigos”, retrasa a idade de xubilación e á súa vez implica a diminución das prestacións económicas. Seguindo coas medidas de desmantelamento da administración pública privatizaron servizos básicos para a comunidade, estando, na actualidade, en venda por derribo. O estado de benestar afogou.

Os gobernos non teñen vergoña en dilapidar miles de millóns en bancos e caixas de aforro (non vaia ser que co estres enfermen e con eles o sistema capitalista), en subvencionar o despido de millóns de traballadores e traballadoras…. Estes gobernos queren volver a meternos aos traballadores/as da administración a man no peto e roubarnos, novamente, a carteira.

Anúnciase, de momento desde os mentideiros políticos e económico Segundo Expansión (confirmado polo Economista), que se vai reducir o salario de novo.

Infórmase, nestes xornais, que o Goberno de Zapatero estuda un novo axuste nos salarios dos traballadores e traballadoras da Administración Pública para os próximos exercicios. Segundo o último Programa de Estabilidade que o Executivo de José Luís Rodríguez Zapatero enviou a Bruxelas, as tres administracións terán que impulsar un axuste extra na remuneración dos seus funcionarios e do seu persoal laboral para cumprir coas esixencias da Comisión Europea.

As cifras do documento enviado á UE falan por si soas. O Goberno central ten previsto reducir o déficit en preto de 3.000 millóns (0,3 puntos porcentuais do PIB) de euros en 2011 coa conxelación dos soldos. Tamén prevé minorar o buraco orzamentario ata 2013 en 8.000 millóns (0,8 puntos do PIB) repondo só o 10% das vacantes.

E como o estado comprometeuse no mesmo informe ante a UE a aforrar 1,5 puntos do PIB entre 2011 e 2013 (isto é, preto de 15.000 millóns) a conta dos asalariados do sector público, a ecuación é sinxela: o Estado, os consistorios e as autonomías terán que axustar en 4.000 millóns o salario dos traballadores públicos mediante o mantemento de “un esquema de moderación salarial aplicado ao conxunto das Administracións Públicas”.

Esta cláusula interprétana fontes próximas a Facenda como que o Goberno asume que ten que reducir o gasto a conta dunha perda de poder adquisitivo “sensible” dos empregados públicos en 2012 e en 2013.

Os salarios terán que crecer por baixo de como evolucione o PIB real para lograr un axuste significativo nas partidas de persoal dos orzamentos.

Este plan poderíase realizar en dúas quendas: nos Orzamentos do Estado de 2011 e nos de 2012, que xa non estará en mans de Zapatero. Outras fontes apuntan que a decisión podería adiantarse porque non cadran as contas. Algunhas fontes próximas a Facenda falan ata de que se poderían tocar as pagas extra dos empregados. Os 4.000 millóns de axuste dan por feito que os recortes xa impulsados terán os efectos previstos, algo que algúns interventores de Facenda cuestionan.

Os pagos de persoal seguen *repuntando a pesar de que os salarios baixaron un 5% de media en 2010. Se esta tendencia segue o recorte tería que ser maior. Fontes do Ministerio de Economía confirmaron onte a este xornal que o axuste que falta equivalería a 0,4 puntos porcentuais do PIB. E aclaran que isto se podería lograr con subidas do soldo “moderadas”.

O salario do Persoal das Administracións que, en época de bonanza económica, medra moi por debaixo do soldo da empresa privada, en época de crise é o primeiro en ver reducidos os seus emolumentos. Sempre o mesmo, non importa quen goberne. De todos os xeitos tamén temos que asumir, como sector, a parte de culpa que nos corresponde, despois da feble resposta xeral que tivo a anterior rebaixa salarial. O feito de ter unha resposta “tibia” fíxolles tomar carreiriña e parece que decidiron ir máis fondo nos nosos petos.

Temos que aprender. Desta vez non podemos permitir que se nos desconte nin un euro máis do xa escuálido soldo. Nas nosas mans está dar a resposta axeitada. Tócanos actuar!.

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript