maio de 2011
 
 

02/05/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

Galicia: 5.000 traballadores públicos menos no pasado ano

O recorte de persoal concentrouse na súa totalidade na Administración autonómica e local

 

  • Noticias relacionadas

 

 

En xaneiro de 2008 os empregos públicos rexistrados en Galicia ascendían a un total de 151.157, unha cifra que un ano despois elevábase a 154.995. Nesa liña de progresión, entre xullo de 2009 e xaneiro de 2010, Galicia sumaba 5.420 novos traballadores públicos, co que o continxente de persoal ao servizo das diferentes administracións situábase en 159.000 empregados.

Esta dinámica avalada polas centrais sindicais en función dunha mellor prestación de servizos ao cidadán, botou o freo no segundo semestre do pasado ano, segundo os últimos datos oficiais recollidos no Boletín estatístico do persoal ao servizo das administracións públicas. Así, nese período a nómina de empregados públicos en Galicia caeu de 159.000 a 154.097. Un adelgazamento de case 5.000 efectivos.

A autonomía, xunto cos concellos e deputacións, concentran ese recorte de persoal. Dos 91.190 traballadores rexistrados na Xunta no primeiro semestre de 2010 pasouse a 88.953 no segundo. Pola súa banda, *concellos e organismos provinciais galegos, neses mesmos períodos semestrais, pasaron de 33.161 traballadores a 30.404.

A diferenza no caso da Xunta é de 2.237 traballadores menos e polo que respecta aos concellos e deputacións, a baixada de persoal é de 2.775, cifras que suman un total de 4.994 efectivos laborais recortados.

A Administración pública estatal foi a única que creceu e rexistrou entre esas datas un lixeiro aumento ao saltar dos 30.834 empregos a 30.883.

O persoal ao servizo das universidades galegas, no segundo semestre do pasado, contabilizou unha lixeira alza de efectivos pasando dos 3.815 a 3.857, segundo os datos recollidos no citado boletín.

Pola súa banda, a Xunta, a xaneiro deste ano, de acordo cos datos facilitados pola Consellería de Facenda, cifra o continxente de traballadores autonómicos, excluídos os universitarios, en 89.219. Desa cifra, 16.220 corresponderían a persoal das consellerías e organismos autónomos; 35.265, a docencia non universitaria; 34.998, a sanidade e 2.786 a xustiza.

Destes algo máis de 89.000 empregados da Administración autonómica galega, algo máis do 26%, un de cada catro, carece de contrato fixo ou non ten a categoría de funcionario, segundo os últimos datos publicados pola Dirección Xeral de Función Pública da Xunta. Aínda que o certo é que a maior parte do persoal autonómico ten a condición de funcionario de carreira, por oposición.

No conxunto nacional, Galicia, cun traballador ao servizo da Administración por cada 17,6 habitantes, ten menos empregados públicos que a media do estado, que se sitúa nun por cada 17,3 habitantes.

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript