abril de 2011
 
 

25/04/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

Hai que parar a intervención imperialista en Libia

O estado español ven de prorrogar a súa presenza na guerra que o capitalismo imperialista está a desenvolver no territorio de Libia.

Neste caso non se repara en gastos. Cada mísil que os aliados disparan contra o pobo de Libia custa unha media de 1,4 millóns de dólares. Só o primeiro día da guerra custou “moito máis de 100 millóns de dólares”. As vidas de civís, coma sempre, son un dano colateral imposible de cuantificar.

 

  • Noticias relacionadas

 

Dito doutro xeito: si o salario mínimo no estado en 2011 é de 641,40€ mensuais, ao cambio 930.99 dólares e si cada mísil custa 1,4 millóns de dólares representa 1.503.77 mensualidades, ou sexa o salario de 125,31 anualidades.

Só o prezo dun mísil corresponde a 125 anos de salario de alguén que cobre o salario mínimo!

Non é posible xustificar tamaña dilapidación en gastos militares cando se está a atravesar unha situación de crise, que leva á rebaixa de salarios na administración pública, á conxelación de depauperadas pensións, que xustifica unha redución de dereitos laborais económicos e sociais até niveis descoñecidos na historia recente. Os/as que lexislan esa precariedade, os que asinan o pacto antisocial, aplauden este dispendio (énos imposible entender, unha vez máis, a actitude dos sindicatos gobernamentais).

Dicimos que non se pode xustificar este gasto pero si ten unha explicación, a guerra de Libia susténtase en intereses económicos e estratéxicos, a guerra faise para que Repsol, BP… teñan máis fácil esquilmar a riqueza existente no subsolo dese país e céntrase nun dos países máis belixerantes con Israel.

A hipocrisía dos países que interveñen nesa guerra faise máis patente, se cabe, cando critican os bombardeos do aínda presidente do pais sobre a poboación civil, cando eles están a facer a guerra de igual maneira (e con medios moito máis sofisticados), pechando sistematicamente os ollos aos asasinatos, bombardeos… de Israel sobre a poboación Palestina. O que confirma á ONU como un órgano que só serve para lexitimar as guerras do capitalismo.

A guerra non só ten custos económicos, tamén ten un alto prezo en vidas humanas, isto, de momento, non se computa. De todos os xeitos como se lle vai a explicar esta intervención ás futuras xeracións?.

A guerra, lexitimada desde as esferas de poder capitalista, pon a disposición das clases dominantes a ferramenta para se asegurar a explotación da clase traballadora e o espolio dos recursos naturais dese país.

A crise que espalla paro e precariedade na clase traballadora amósase como un espazo máis para o enriquecemento do capital. Neste caso da industria petrolífera e militar.

 Pola paz, non á intervención imperialista!

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript