abril de 2011
 
 

25/04/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

O copago sanitario está en marcha

Hai tempo que a sanidade, como o resto da administración pública, está en venda, primeiro fíxose a cachiños, externalizando servizos, despois externalizando o propio servizo, (derivando aos doentes á sanidade privada). Deuse un paso cualitativo e cuantitativo importante coa licitación público-privada tanto da realización como da xestión dos novos centros de atención e hospitais. Agora quérese pechar o círculo mediante o denominado eufemisticamente como copago sanitario, isto que parece indicar un pago conxunto non é máis que pagar dúas veces por un servizo que ten que estar ao alcance de todos/as os/as cidadáns/ás.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

Un servizo até agora socializado, entendendo como tal que chega á maioría dos cidadáns do estado, independentemente do seu poder adquisitivo, con estas políticas privatizadoras acabará por poderse utilizar só polos que poidan pagalo, perdendo ese carácter social do que falabamos.

En nacións e comunidades do estado xa se está a falar da instauración deste segundo pago. Primeiro, coa finalidade, dicían, de que soubésemos o que custa a atención pásannos unha factura (como si fósemos a prescindir da sanidade en función do que custa, cando utilizamos a Seguridade Social é por necesidade, non importa o seu custo). Agora queren dar un paso máis, facer efectiva a factura.

Segundo a Asociación para a Defensa da Sanidade Pública (ADSP), o obxectivo das medidas tomadas desde a Xunta non é a sustentabilidade do sistema público, senón a súa "descapitalización".

"En Cataluña estase falando de pechar quirófanos pola tarde, pero é que aquí xa vivimos ese peche coa escusa da perversidade do sistema de peonadas; vimos a non renovación de traballadores hospitalarios, a paralización do Plan de Mellora da Atención Primaria, a supresión de gardas de presenza física de Radioloxía nos hospitais comarcais, a cesión de servizos de diálise a unha fundación privada, o atraso da construción dos hospitais de Vigo e Pontevedra -que pasarán a custar catro veces máis que nos plans do Bipartito ó dar entrada ó capi­tal privado- ou a paralización dos plans directores de Ourense, Santiago ou A Coruña", apunta Manuel Martín, médico de familia do Sergas. "O problema é que está claro o que se pretende: fa­cer da sanidade pública un ne­gocio lucrativo", sentencia.

Dende hai tempo, a través de  "expertos", políticos, etc. fanse declaracións de intencións que se desmenten ao pouco de facelas, queren ir afacéndonos á idea de que a súa implantación é inevitable.

O único que os detén, de momento, é o medo a que a xente se bote á rúa e diga dunha vez que xa está ben. Na denuncia e na reivindicación todas/os facemos falta.

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript