abril de 2011
 
 

18/04/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

Radiación 100.000 veces por riba do nivel normal

A Axencia Nacional de Seguridade Nuclear (ANSN) confirmou que os materiais radioactivos do reactor catro da central de Fukushima-1 superaron 100.000 veces os niveis normais. Pola súa banda, Tepco admitiu que o nivel de radioactividade de iodo 131, cesio 134 e 137 é máis alto do normal e que varias barras de combustible están danadas. Isto débese a que o nivel de auga das piscinas de combustible, que arrefrían as barras usadas, baixou de forma temporal e aquelas barras de combustible que resultaron danadas contaminan e aumentan a radioactividade, segundo informou a axencia de noticias Kyodo.

 

  • Noticias relacionadas

 

Ademais, a ANSN pediulle a Tepco que examine a resistencia dos reactores da central nuclear Fukushima-1 ante posibles terremotos. A parte superior do reactor catro está destruída debido ás explosións de hidróxeno e os posteriores incendios, así como a dos reactores un e tres. "Vendo que as réplicas se suceden case todos os días, temos que considerar que vai pasar cos edificios danados polas explosións" de hidróxeno, afirmou o voceiro da ANSN, Hidehiko Nishiyama. O funcionario engadiu que os traballos de reforzo da estrutura do reactor son complexos debido ao alto nivel de radiación, polo que "debemos contemplar outras vías" de actuación.

O viceministro de Sanidade, Traballo e Benestar, Yoko Komiyama, confirmou que 22 traballadores da planta de Fukushima-1 se viron expostos a un exceso de radiación.

A cifra máxima detectada foi de 198 milisievers, case o dobre do límite permitido que require dun tratamento urxente. O tope foi fixado en 250 milisieverts de forma recente debido á conxuntura.

Os traballadores continúan nos seus labores de retirada de auga altamente radioactiva. Tepco extraeu xa unhas 700 toneladas de auga tóxica a "un condensador" dos reactores un e tres, aínda que planea sacar unhas 60.000 toneladas, o que "levará varias semanas".

A orixe desta auga tóxica, segundo as autoridades niponas, atópase no reactor dous, cuxas barras de combustible se derreteron de forma parcial contaminando a auga, o que prexudica as tarefas de arrefriado dos reactores. Grandes cantidades de auga foron vertidas nos reactores polo persoal de urxencia varias semanas atrás como medida de urxencia para arrefrialos.

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript