abril de 2011
 
 

18/04/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

A Coruña: As áreas comerciais, un monocultivo

En 1996, a superficie bruta alquilable dos grandes complexos da cidade era a cuarta parte. O xigante da Grela fará que o municipio sume 427.596 metros cadrados de espazo comercial en grandes superficies. A Coruña é unha das catro provincias con maior densidade do estado español neste sentido.

 

  • Noticias relacionadas

 

A Coruña ten 1.737,  metros cadrados de superficie comercial alugable en grandes complexos de compras por cada mil habitantes, fronte aos 344 do estado, unha cifra que, como se ve, quintuplica a media estatal.

A inauguración do xigante da Grela (o maior do estado) eleva ata os 427.596 metros cadrados a superficie bruta alquilable (SBA) correspondente a doce centros comerciais. Ikea e Marineda suman 165.000, isto é, máis do 45% do total de centros comerciais da cidade.

A apertura de centros comerciais no territorio do estado diminúe dende o ano 2008, un decrecemento que afecta tamén aos proxectos de instalación e ao tamaño dos complexos que se poñen en marcha, na Coruña a tendencia é a contraria: os cinco centros comerciais que había ata 1996 convertéronse en 12 só quince anos despois. Ademais, con maior ou menor éxito na súa formulación, as últimas cinco inauguracións concéntranse en tan só catro anos.

Mentres que na cidade se instalan grandes áreas comerciais (algunha delas xa con dificultades económicas), a realidade económica da comarca non é nada boiante, á case inexistente industrialización únese que a crise ou intereses económicos priman para que moitas das poucas existentes pechen, algunha das veces co simple interés na deslocalización para gañar máis.

Ponse así á cidade no que podemos denominar monocultivo económico.

O monocultivo refírese a plantacións de grande extensión con árbores ou outro tipo de plantas dunha soa especie. Por exemplo con eucalipto ou piñeiro insigne, no caso de árbores, ou grandes plantacións de cereal. Adóitase dar nos países e as plantacións como variedade de cultivo. A maioría dos produtos que se obteñen nas plantacións destínanse á exportación.

O monocultivo desgasta os nutrientes do chan erosionándoo.

Podemos extrapolar esta definición á situación que se vive na Coruña coas grandes áreas comerciais que son, polo que se ve, os únicos polos de emprego (isto non quere dicir que se cree emprego, o emprego segue a diminuír na cidade, abonda con ver as estatísticas) pero si que se crea unha dependencia económica ao se converter no único eido de crecemento económico.

A proliferación das áreas orixina, por outro lado, que moito pequeno comercio teña que pechar, coa conseguinte perda de postos de traballo, abonda con dar un paseo polas, noutrora rúas emblemáticas neste sentido, para ver a cantidade de locais pechados ou abandonados, moitos deles aínda conservan os nomes dos comercios antigos. Este monocultivo económico desgasta o tecido económico tradicional (os donos das grandes áreas ligados a corporacións económicas lévanse as ganancias para fóra, o pequeno comercio invísteas na propia cidade).

O modelo de cidade que nos cociñaron desde o goberno municipal non é un modelo sostible nin axeitado ás necesidades económicas e sociais da cidadanía, e moito menos representa un modelo progresista.

Unha cidade que se circunscribe economicamente a dúas grandes empresas (Repsol e Zara) e, cada vez en menor medida, ao porto non pode manter todo ese armazón comercial, a non ser que se pense que esas grandes áreas se sustenten a si mesmas, un grande erro político e económico.

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript