abril de 2011
 
 

11/04/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

A epopea antinuclear do pesqueiro 'Xurelo'

En setembro do 1981, un pesqueiro de Ribeira lánzase ao Atlántico para lles facer fronte aos buques dos Países Baixos que deitaban bidóns de refugallos nucleares diante das costas galegas. Esta é a súa historia, a da procura da gloria, que pervive logo de 30 anos.

 

  • Noticias relacionadas

“Aquí o pesqueiro Xurelo, a todas as embarcacións que escoitan. Dirixímonos á fosa mariña onde dous barcos holandeses, o Luise Smiths e o Kristen Smiths, van deitar residuos radioactivos. Vimos no nome de Galiza, vimos no nome de todos os pobos que queren a paz e un progreso que non destrúa a natureza. Vimos no nome propio e no de todas as xeracións futuras. O Atlántico é unha fonte de riqueza e un horizonte de comunicación, non queremos que convertan o Atlántico nun cemiterio nuclear. O Atlántico é un sinal de identidade para Galiza e un símbolo de vida para todos os pobos. Non queremos que o convertan en símbolo de morte. Esta é a razón do noso desprazamento desde a verde terra de Galiza, está é a razón pola que pedimos a vosa axuda. O noso indicativo é Eko-Alfa-99-79. Dádenos novas do Luise e do Kristen Smiths, e, se vos é posíbel, desprazádevos á zona dos vertidos radioactivos.

"Pola salvación do océano, no nome da vida e das xeracións vindeiras, estamos aquí par testemuñar o noso rexeitamento no nome dos que cremos nun futuro mellor para a humanidade”.

Esta foi a mensaxe emitida en galego, castelán e inglés polo pesqueiro Xurelo o martes, 14 de setembro de 1981.

Saíra o luns 13 de setembro, a primeiras horas da tarde, con tempo soleado e mar calma, do porto de Ribeira. Navegaba a nove nós e estaba prevista a chegada á área dos vertidos para a madrugada do mércores, 15.

Para localizar os barcos holandeses dos delitos o Xurelo agardaba contar coa axuda do buque Sirius, pero o barco de Greenpeace ficou finalmente en Plymouth, cunha avaría.

Non levaban cartas de navegación precisas nin un radar axeitado. Así que o patrón, Ánxel Vila, foi calculando a velocidade, os ventos e as rutas que podían levar cos cargueiros cos residuos.

Greenpeace tentaba ilos guiando por radio até a foxa. Unha vez alí, o Xurelo contaba cun pequeno radar de proximidade (oito millas de alcance) para localizar os dous barcos.

“Foi moi difícil, empregamos o radar e os prismáticos, buscamos día e noite. Ao terceiro día atopamos dúas manchas que circulaban en paralelo no medio do océano”, contaba a tripulación de ocasión, emocionada, á súa chegada.

O Xurelo fixo entón o único que podía facer: documentar fotograficamente o proceso polo que os bidóns, cheo de residuos se deitan no mar.

Unha protesta simbólica que Henrique Álvarez Escudero, un dos tripulantes, conta así:

“Despois dalgún tempo de perseguir barcos coma quen busca unha pinga de aceite no océano, cun mar que a cada momento empeoraba máis e máis, xa pensando en dar volta, localizamos os piratas. Alí estaban deitando no mar, mediante guindastres, os bidóns de residuos radioactivos. Situámonos entre o Louise e o Kristen Smiths, e, naquel momento tivo lugar o acto formal da nosa protesta. Botamos flores ao mar, cantamos o himno e fixemos soar as sirenas do Xurelo.

Mantivémonos alí até que unha fragata holandesa que protexía aqueles dous barcos tentou unha abordaxe á nosa nave, polo que tivemos que saír da zona, ante do perigo que supuña para as nosas vidas”.

Sen máis, co tempo aínda peor, puxeron rumbo a Fisterra.

O sábado 18 de setembro divisan de novo terra galega.

Ás cinco da tarde, o Xurelo arribou ao porto de Ribeira onde o agardaban centos de persoas no peirao de atraque.

“Xa falaremos á volta”, foi a chamada que recibiran da Comandancia de Mariña o día da partida.

Xa na altura na illa de Sálvora o barco foi retido algún tempo por unha patrulleira da Garda Civil que identificou un por un todos os membros da tripulación. Pero, finalmente, non houbo represalias, aínda que saíran sen permiso da Comandancia por ter a tripulación sen enrolar.

Os fotógrafos agocharan os carretes por medo a que lles requisasen o material.

Pero a nova e as fotos saltaron ao día seguinte aos medios de comunicación sen dificultade.

Remataba así unha epopea, unha odisea: un palangreiro enfrontado a cargueiros e patrulleiras. Os representante dunha nación sen Estado aos intereses das grandes potencias mundiais. A afouteza e oficio do patrón contra as tecnoloxías das multinacionais.

Unha protesta que mudou a situación dos mares de todo o mundo.

E os nomes dos 14 tripulantes para a historia. O primeiro o do capitán. Anxel Vila e os seus mariñeiros, Amador, Gallego e Ciprián. Os militantes de Esquerda Galega, Francisco Garcia, tenente de alcalde de Vigo, Gonzalo Vázquez Pozo, co mesmo cargo na Coruña, e Manuel Méndez, que ocupaba idéntico posto en Moaña. Os ecoloxistas Henrique Álvarez, da Sociedade Galega de Historia Natural, e Roxelio Pérez do colectivo Natureza. E os xornalistas Manuel Rico, Xurxo Lobato, Xosé Castro, Xosé Naia e Manuel Rivas.

A NOSA TERRA

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript