11/04/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
A prédica que desde a dereita sociopolítica nos quería facer tragar coas bondades da reforma laboral indicando que era solución ao desemprego desméntense cada vez que o
Ministerio de Traballo e Inmigración saca a estatística do paro.
As cifras do mes de marzo evidencian, unha
vez máis, a realidade. Sitúannos en novas marcas de
desemprego ao subir en 967 persoas e alcanzar os
249.246 parados/as, o reparto por sexos queda en
116.590 parados fronte a 132.656 paradas.
O aumento do paro en Galicia débese a un novo
incremento entre a xuventude, pero, sobre todo,
entre os “maiores”. Dos 967 novos desempregados
contabilizados no mes pasado, máis da metade (562)
producíronse entre os maiores de 30 anos, mentres
que outras 405 producíronse entre os menores desa
idade.
As frías cifras das estatísticas elevan o paro en
cómputo anual nun 5,41%, aumentando, neste período,
12.797 traballadores/as galegos/as as xa enormes
listas de desemprego.
Por sectores, o paro descendeu en marzo na
construción (265 persoas menos, ata as 39.663) e na
agricultura (73 menos, ata as 6.418); mentres que a
actividade que máis contribuíu ao aumento do
conxunto foi a dos servizos (619 persoas máis, ata
as 135.590). Pola súa banda, aumentou en 393
parados o colectivo sen emprego anterior, que se
situou en 29.952 desempregados, e en 293 o da
industria, ata os 37.623.
Por provincias, o desemprego no mes de marzo:
Reduciuse en Lugo ao rexistrase un total de 24.808
persoas anotadas nas oficinas de emprego, un 2,22%
menos que en febreiro, aínda que a cifra supón unha
suba do 9,74% en relación a hai un ano.
En Pontevedra o paro subiu un 1,04%, ata as 98.449
persoas, 5.196 máis que en marzo de 2010 (en termos
interanuais a alza foi do 5,57%).
En Ourense, o crecemento foi do 0,63% respecto a
febreiro, ata os 28.186 parados/as, que son un
4,83% máis que fai doce meses.
Na Coruña o paro aumentou un 0,35%, ao sumar 97.803
desempregados. A comparación coas cifras do mesmo
mes de 2010 indica que o aumento foi do 4,38%.
En canto aos contratos, o Ministerio de Traballo
indica que, na nosa nación, ascenderon 51.590 en
marzo, o que representa un incremento do 13,36% en
relación a febreiro e un 0,68% de redución se se
compara co terceiro mes de 2010.
Do total de contratos formalizados na Comunidade
galega, 46.534 teñen carácter temporal e 5.056 son
indefinidos.
Demóstrase na práctica, como denunciamos nas
concentracións, manifestacións, coas folgas xerais…
, que eran mentira todas as “bondades” da reforma
laboral. Unha regulamentación que facilita o
despido libre e gratuíto, que afonda na
precariedade laboral e que prima a contratación
temporal e precaria non pode crear emprego. Todo o
contrario!.
A realidade está aí, nas cifras. Pérdense postos de
traballo e o pouco que se crea é absolutamente
precario incrementándose o traballo temporal dun
xeito exponencial.
Mentres que para a banca non hai límite, primeiro
con inxeccións de capital de xeito directo, agora
privatizando as caixas de aforro para que se fagan
con todo o pastel do creto, privatízanse partes
importantes da administración pública (sanidade,
prestacións sociais etc.), privatízanse as
pensións… todas as políticas que saen de
parlamentos van encamiñadas a beneficiar aos de
sempre.
Aquí, no noso mundo sucédense os conflitos porque
os ERE e os despidos son un feito cotiá. Pero isto
non chega, a voracidade é de tal calibre que non
pararán até que a precariedade este xeneralizada,
como non lles chega con reformas laborais,
pensionazos, pactos sociais agora van polos xa
paupérrimos salarios dos poucos que aínda
traballan. Benefícianse de que a resposta sindical
e social segue a estar mal organizada e é pouco
efectiva.
Requírese, nesta etapa, se realmente se pretende
conseguir a mobilización xeral e de clase,
aglutinar todas as empresas en conflito, primeiro
por cidades, vilas… para logo ir pasando a estadios
superiores. Outra cousa elemental é unirse ao
movemento veciñal, os traballadores/as que sofren
nas súas peles o desemprego e a precariedade viven
nos barrios das cidades e, conxuntamente
(sindicatos-AAVV), actuar, reivindicar, rebelarse.
Cada día hai máis razóns para outra folga xeral.
Se o desemprego e a precariedade non paran, nós non
podemos parar!
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript