abril de 2011
 
 

11/04/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

O último sismo dana outra central no Xapón

Xapón ten dende o terremoto do xoves outra central nuclear da que preocuparse. Trátase da planta de Onagawa, na prefectura de Miyagi, danada durante o tremor de 7,1 graos que sacudiu o xoves o arrasado nordés do país. Segundo a Axencia de Seguridade Nuclear de Xapón (ASNJ), as piscinas de combustibles sufriron filtracións de auga radioactiva.

 

  • Noticias relacionadas

"Detectamos varias anomalías nos edificios dos reactores a causa dos tremores", indicou Hidehiko Nishiyama, voceiro da ASNJ. A pesar do preocupante anuncio, durante todo o día non se detectou ningún aumento de radiación en Onagawa, a central nuclear máis antiga do país. Nishiyama insistiu en que os niveis de radiación estaban por debaixo dos límites considerados seguros. Un factor que axudou a reducir a magnitude do accidente foi o feito de que a central foi pechada tras o terremoto do 11 de marzo.

Onagawa estaba pechada dende o terremoto do pasado 11 de marzo

Aínda así, tanto na planta de Onagawa coma na de Higashidori, na setentrional provincia de Aomori, os sistemas de refrixeración das piscinas de residuos de combustible estiveron parados entre 20 e 80 minutos despois do terremoto do xoves. Pasado ese tempo, a subministración eléctrica chegou de novo aos sistemas de arrefriamento e só se detectou un aumento da temperatura da auga, rapidamente emendado, segundo a ASNJ.

A sacudida tamén cortou a subministración de enerxía externa á central de Higashidori e a planta de reprocesamento de combustible nuclear en Rokkasho, aínda que os seus xeradores de emerxencia restableceron a subministración eléctrica, segundo o voceiro do Goberno, Yukio Edano. A subministración de corrente foi restaurada pola mañá. "Todo volveu estar baixo control e os sistemas de refrixeración están a traballar constantemente", dixo Edano. "Tampouco houbo ningunha anomalía nos rexistros dos puntos de vixilancia" en torno aos postos de medición dos niveis de radiación.

Non obstante, o voceiro do Goberno advertiu de que é posible que se reproduzan novas réplicas importantes, cunha intensidade de 5 ou 6 na escala sísmica xaponesa (cuxo máximo é 7). "Chamamos a todo o mundo a estar preparado para os tremores que poidan vir nos próximos días", proclamou.

Acusan, os partidarios das nucleares, neste momento, de alarmistas aos  que denunciamos e rexeitamos este tipo de enerxía pero os sucesos que están a acontecer no Xapón  dannos a razón, a enerxía nuclear é perigosa e, de ningún xeito, merece a pena ter unha bomba de reloxaría nas portas de ningunha casa, as consecuencias, como se ve non son só locais, afectarannos máis cedo que tarde.

O Goberno nipón insiste en que a situación está baixo control

Ata o momento, a consecuencia máis grave do terremoto de hai dous días é a morte de catro persoas, mentres outras 141 resultaron feridas, todas elas na prefectura de Miyagi, segundo indicou a Policía da rexión. Case un millón de fogares xaponeses seguían sen electricidade.

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript