marzo de 2011
 
 

21/03/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

As reformas laborais dos últimos 30 anos prexudicaron aos máis novos

Un estudo da Universidade Complutense, que analiza o impacto das reformas laborais dos últimos 30 anos e as condicións de vida das novas xeracións, asegura que estas reformas son a orixe e a causa do modelo de desenvolvemento actual, baseado na explotación dos máis novos.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

"O estudo indica que o modelo do estado español de desenvolvemento económico das tres últimas décadas -con altos ritmos de crecemento económico e de creación de emprego- se sustenta sobre unha 'sobreexplotación das novas xeracións de traballadores' " declara a SINC Pablo López Calle, autor do artigo que publica a revista Ábaco e investigador da Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía da UCM.

Este feito explica para López Calle "a crise económica actual e a especial virulencia que ten no estado español", así como a limitación das posibilidades de desenvolvemento futuro.

A investigación baséase na recompilación e análise de datos estatísticos sobre os efectos das reformas laborais dos anos 80 e 90 nas condicións de vida e de traballo das novas xeracións de traballadores, así como nunha trintena de historias de vida de mozos madrileños con perfís "socioloxicamente significativos".

"As reformas dos anos 84 e 94 supuxeron a incorporación ao mercado de traballo de novas xeracións de traballadores baixo fórmulas de 'excepcionalidade' que na actualidade xa están plenamente 'normalizadas' ", recalca o estudo.

A primeira gran reforma laboral, no ano 1984, introduciu unha "flexibilidade externa" no mercado de traballo -contratos temporais e abaratamento do despedimento-. A segunda, a do ano 94, centrouse nunha "flexibilización interna" dos recursos humanos coa progresiva individualización da negociación dos salarios e as condicións de traballo, así como da parte do salario variable que se materializaba en plus.

"Estes cambios, dirixidos especificamente a aqueles que se incorporaban por primeira vez ao mercado de traballo, poñían en corentena algúns dos dereitos antes integrados no Estatuto Salarial", apunta o investigador.

Un futuro incerto

A accidentalidade laboral, un dos indicadores sociais máis utilizados para avaliar a evolución da intensidade do traballo, "non só aumentou neses quince últimos anos -alcanzando o seu pico máis alto no ano 2002-, senón que concéntrase nas empresas de menos de 50 traballadores e afecta de modo particular aos traballadores novos con menos dun ano de antigüidade e con contrato temporal".

Actualmente un traballador menor de 25 anos ten catro veces máis posibilidades de sufrir un accidente que un adulto, segundo a Axencia Europea para a Saúde e a Seguridade no Traballo.

"Cunha taxa de paro de máis do 30% nalgunhas rexións e 200.000 postos de traballo ocupados por bolseiros, o panorama profesional dos mozos, e por extensión, o futuro do sistema produtivo, preséntase incerto", conclúe López Calle.

---------------------------------------------

Referencia bibliográfica:

Pablo López Calle. "O impacto das reformas laborais e a reorganización produtiva en España sobre o emprego xuvenil". Abaco: Revista de cultura e ciencias sociais 66 (Exemplar dedicado a: Xeración NIN-NIN), 2010.

Fonte: SINC
Kaosenlared

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript