febreiro de 2011
 
 

28/02/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

O paro, unha realidade que se quere ocultar

Os gobernos teñen unha receita moi simple, cando a realidade non lles favorece ou é prexudicial para os seus intereses, maquíllase, por exemplo faise uso habitual desta máxima coas listas de espera no Sergas. O presidente do goberno autonómico fixo, unha vez máis, uso deste método para ocultar a realidade. Se as listas do paro non deixan de medrar o que se fai que é?, pois claro, maquillalas, mentir, ocultar.

 

  • Noticias relacionadas

En campaña electoral este magno dirixente político comprometeuse a rematar con esta lacra en 45 días. Negou, despois, que houbese un problema de paro en Galicia, dixo, máis tarde que a culpa era de Zapatero porque el non tiña competencias  para agora ocultar o problema falseando as estatísticas. Pero a realidade é pertinaz, empéñase en aflorar por moito que se lle queira enterrar.

Desde que Feijoo goberna hai 52.972 parados máis, o que supón un incremento do paro do 27% en só ano e medio.

As estatísticas oficiais non poden ocultar que esta é a cifra máis alta de parados de toda a nosa historia.

A cifra de cotizantes descendeu un 6,3%, é dicir que máis de 65.000 traballadores/as causaron baixa na Seguridade Social.

En Galicia, segundo as estatísticas fiables, temos 307.591 persoas inscritas no paro pero destas só 245.831 son consideradas paradas. A ocultación dos datos non é exclusiva do goberno autonómico, tamén Zapatero oculta, de xeito sistemático as cifras reais de paro.

Sendo todo isto verdade compre, tamén, lembrar que esta situación deriva, en boa parte, de acordos subscritos cos sindicatos maioritarios a nivel estado que asinaron, o 30 de xullo de 2010, un mini pacto social co sr. Feijoo.

Nel acordaron, por exemplo, que os incentivos ao emprego, non requiren practicamente contrapartida ningunha por parte da patronal, mentres que antes para recibir a subvención correspondente había que garantir o 75% do emprego fixo na empresa durante tres anos polo menos.

A partir do “acordo” empregáronse cantidades millonarias en incentivos e subvencións ás empresas, sen contrapartida ningunha, sen control e só co vago compromiso de crear emprego.

Deteriorouse, tamén, o Servizo Público de Emprego de Galicia, abrindo a porta á intervención privada para que tamén o paro poida ser un bo negocio para algúns,

Elimináronse os pactos territoriais de emprego, que eran xeito  de controlar as políticas activas de emprego a nivel municipal para evitar o clientelismo na xestión dos fondos públicos para o fomento do emprego.

Aquí volven gañar a patronal e a perder os traballadores, pero ademais gañan tamén os caciques que poderán arrimar, xa sen atrancos, o ascua da subvención á sardiña dos seus amigos e clientes, como xa se denunciou no Parlamento.

Tamén en Galicia as políticas de dereitas aderezadas con acordos cos sindicatos pactistas sentaron as bases para que a realidade sexa cada día máis tráxica.

Temos claro que culpa da situación é compartida (capital – gobernos – sindicatos domesticados), na atribución de responsabilidades denunciamos, unha vez máis, que as cúpulas dos sindicatos de “concertación” son parte do problema, non da súa solución. Compre actuar en consecuencia.

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript