21/02/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Verdegaia elaborou un informe no que di que o 43% dos galegos respira aire contaminado.
Case o 43% da poboación galega respira un aire que sobrepasa os valores límite de concentración de contaminantes no aire recomendados pola OMS (a Organización Mundial para a Saúde). Así o afirman os grupos ecoloxistas galegos Verdegaia e Ecoloxistas en Acción nun informe sobre a calidade do aire no ano 2009.
Segundo explican desde a asociación galega
Verdegaia, a Organización Mundial da Saúde
establece uns valores límite de emisión de
contaminantes máis baixos que os que actualmente
son legais na normativa europea. “O pasado ano,
dende a UE íanse legalizar os valores máis
reducidos cos que xoga a OMS, non obstante
finalmente recuaron e deixáronos máis altos xa que
senón moitísimas empresas e cidades sobrepasarían
os volumes de emisión”, explican dende Verdegaia.
Segundo o estudo de ambas organizacións –referente
aos últimos datos oficiais, os de 2009–, “a
poboación galega vese afectada fundamentalmente
pola contaminación por partículas de suspensión
(PM10 e PM 2,5), o principal contaminante en
Galicia”.
O informe asegura que “as áreas de aire contaminado
segundo os valores recomendados pola OMS son A
Coruña, Arteixo, Ferrol, Santiago, Vigo, Valdeorras
e a denominada franxa Fisterra-Santiago”.
“Aínda que durante 2009 non se rexistrou ningunha
superación dos valores límite legais en vigor para
os contaminantes atmosféricos considerados neste
informe, si se superaron os valores límite máis
esixentes recomendados pola OMS, polo menos para un
contaminante, en cinco cidades (A Coruña, Ferrol,
Santiago, Vigo e Lugo) e nas redes de vixilancia da
calidade do aire dependentes das centrais térmicas
de Meirama e As Pontes, da refinería de Repsol e de
Ferroatlántica”, indica o estudo.
Por outro lado, no eido da información relativa á
calidade do aire nas contornas das grandes empresas
o informe de Verdegaia e Ecoloxistas en Acción
asegura que “para 2007, 2008 e 2009 non se ten
divulgado nin un só dato de ningunha das estacións
situadas na contorna da central térmica de Sabón,
de Cementos Cosmos en Sarria, de Ferroatlántica
Sabón e Ferroatlántica Dumbría, de Materiales del
Atlántico e de Sogama”.
Do mesmo xeito apuntan: “Para 2008 e 2009 non se
divulgou ningún dato das estacións asociadas á
fábrica de Ence”.
“A calidade do aire en Galicia en xeral é mala, a
pesar do que di a Xunta, aínda que por suposto que
non chega aos volumes de polución e contaminación
que estes días viamos en grandes urbes como Madrid
e Barcelona”, explicou o membro de Verdegaia Xosé
Veiras.
Segundo explican os ecoloxistas, a lexislación
establece que as partículas en suspensión non poden
exceder os 40 microgramos por metro cúbico. “Non
obstante, a Organización Mundial para a Saúde
recomenda un límite máis estrito de 20 microgramos
por metro cadrado. “Este valor ía entrar en vigor o
pasado 2010 pero finalmente Europa recuou”, afirma
Xosé Veiras, de Verdegaia. Deste xeito, se as
recomendacións da Organización Mundial para a Saúde
fosen lei, segundo os datos destes grupos
ecoloxistas –que din son sacados do rexistro da
Xunta –sete estacións urbanas de medición da
calidade do aire terían superado os valores
indicados de partículas en suspensión.
Este informe non é o primeiro que sae á luz nestas
xornadas que vai en contra dos postulados da Xunta,
que asegura que a calidade do aire galego é boa. De
feito, co gallo da polémica suscitada pola
aparición de altísimos niveis de partículas en
suspensión en Madrid e Barcelona, a asociación
ecoloxista Adega recordou un estudo realizado no
que aseguraba que as sete grandes cidades galegas
sobrepasaron en varias ocasións o pasado ano os
límites legais de emisións de óxidos de nitróxeno,
gases nocivos para a saúde.
o Xornal
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript