31/01/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Os efectos que o poder político e económico do Estado buscaba coa reforma laboral estanse a cumprir, o abaratamento do despido fai que esta lacra do paro medre de xeito imparable.
Mentíronnos cando dicían que esta reforma
era para crear emprego. Como se pode conxugar o
despido gratis coa creación de emprego?. O que
está a suceder non é máis que a consecuencia
anunciada dunha lexislación preparada á medida
para que isto sucedese.
As estatísticas que publica o INE na súa
Enquisa de Poboación Activa (EPA) e que se
refire ao último trimestre do ano 2010
reflicten uns números incontestables. O paro
non deixa de medrar.
Na nosa nación o incremento foi de 8.200
persoas, o que sitúa o número de parados/as en
203.500 e unha taxa de desemprego do 15,7 % da
poboación activa.
O aumento do paro en relación co mesmo
trimestre do ano anterior é de 35.100 persoas,
un 20,8 % máis. A poboación activa situouse no
cuarto trimestre en 1.296.600 persoas, 17.400
persoas menos que o trimestre anterior e 10.700
persoas menos que o mesmo trimestre de 2009.
Por sexos, a taxa de desemprego, segue a ser
maior entre as mulleres, co 16,3%, fronte aos
15,2% dos homes.
A taxa de desemprego xuvenil, entre 16 e 29
anos, como non podía ser doutro xeito tamén
medrou no cuarto trimestre chegando ao 27,9%, o
2,6% por riba do trimestre anterior e un 3,9%
superior ao ano 2009. Neste sector, a taxa de
traballo temporal e, polo tanto precarizado ao
máximo, é do 50,1%.
A taxa de desemprego é maior en Pontevedra, co
22,5%, seguida de Vigo, co 19%, Ferrol, co
18,8%, Coruña, co 14,1% seguida de Lugo e
Ourense, ambas cunha taxa de desemprego do
13,8% sendo a menor das sete grandes cidades a
de Santiago cunha taxa de desemprego do 10,8%.
O mercado laboral funciona coas mesmas regras
que calquera dos mercados sendo determinante a
oferta e a demanda. Nesta situación de
precarización absoluta, que era un dos factores
que se buscaban, a demanda é tan grande que os
traballadores/as vense na obriga de traballar
“polo que lles dean” e nas condicións que
determine o explotador.
Vivimos tempos difíciles para a clase
traballadora, os sindicatos maioritarios
traizoan a confianza que millóns de
traballadores depositaron neles. A defensa dos
dereitos e das conquistas queda, polo tanto,
limitada á acción dos sindicatos nacionalistas
e minoritarios a nivel de Estado.
O noso sindicato chama, unha vez máis, á
unidade de acción dos sindicatos de clase,
único camiño para reverter a situación. Temos
que continuar mobilizándonos, temos que seguir
acumulando forzas para dar a batalla contra as
medidas que o capital xunto cos sindicatos ao
seu servizo nos queren facer tragar.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript