xaneiro de 2011
 
 

31/01/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

A reforma lingüística da Xunta xa é 14 veces máis cara ca o galego no Senado

O presidente teima en que xeneralizar as linguas nas Cortes é “innecesario” e os 350.000 euros que custa, un gasto “excesivo”.

 

  • Noticias relacionadas

“Non o entenden os españois, non o entenden os parados nin Europa” por supoñer un “exceso” do punto de vista “político”, pero tamén do “económico”. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, rexeitaba a pasada semana deste xeito a extensión das linguas cooficiais a algúns debates en pleno do Senado. Coa súa argumentación reproducía, cando menos en parte, a oposición frontal manifestada polo seu partido en Madrid centrándose esencialmente no custo da tradución, uns 350.000 euros anuais, que proceden de reestruturar o orzamento do Senado, e, polo tanto, non requiriu achega adicional ningunha por parte do Estado.

Neste contexto, a valoración do presidente a conta do custo económico contrasta, en boa medida, coa xustificación que dende o propio Goberno galego se ten realizado ­doutro desembolso económico sensiblemente maior, o das reformas lingüísticas emprendidas pola Xunta dende 2009. O custo aproximado destas políticas rolda os 5 millóns de euros ou, o que é o mesmo, multiplica por 14 un ano enteiro de tradución simultánea no Senado.

Para chegar a esta cifra cómpre remontarse ao verán de 2009. Daquela, co obxectivo, segundo a Xunta, de “despolitizar” a educación, os conselleiros de Educación e Benestar, Jesús Vázquez e Beatriz Mato, anunciaban a conversión das Galescolas en Galiñas Azuis. O cambio, aseguraban, non suporía “nin un euro”. Meses despois, e forzados pola oposición no Parlamento, o Executivo revelaba que o gasto fora realmente de 42.262 euros.

Alén das escolas infantís, a parte da nova política lingüística máis gravosa para as arcas públicas está a ser o denominado decreto do plurilingüismo. Xa antes de que a propia norma existise formalmente, Educación contrataba unha empresa privada para xestionar unha enquisa entre os pais, cun gasto, segundo o Goberno, de “6 céntimos”, isto é, 19.800 euros, aos que se engadiron 90.000 máis resultantes, segundo recoñeceu o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, da campaña de publicidade en prensa sobre a realización da consulta.

Con estes antecedentes, o salto cualitativo, no que respecta ao gasto, chegou coa aplicación real do novo decreto no que a libros de texto se refire. O cambio de idioma dos manuais de Matemáticas, Ciencias e Tecnoloxía supón, segundo a estimación de sindicatos, editores e partidos políticos –Jesús Vázquez negouse a dar o dato no Parlamento–, un mínimo de 4 millóns que poderían chegar a 8, aínda que só se inclúen 2 millóns nos Orzamentos de 2011 con esta finalidade.

Así, e atendendo a estes cálculos, unha estimación media de todos os gastos, libros de texto incluídos, dá como resultado uns 5 millóns de euros que poderían seguir a incrementarse se a Xunta segue adiante coa intención de estender as enquisas a Primaria e Secundaria.

Fronte ao gasto de todas estas medidas, o propio Feijóo insistía onte, nunha entrevista na Cadena Cope, que o uso xeneralizado das linguas cooficiais no ensino é, a nivel político e económico, “excesivo e innecesario”. Mentres, asegura o presidente, en Galicia a acción do seu Goberno permitiu o regreso ao “equilibrio” lingüístico, cunhas medidas coas que, di, os cidadáns están “razoablemente satisfeitos”.

http://www.xornal.com/artigo/2011/01/24/politica/reforma-linguistica-da-xunta-xa-veces-mais-cara-ca-galego-no-senado/2011012422235601686.html

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript