17/01/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
O conselleiro de Educación será o encargado de convocar “os procedementos de consulta e participación directa” que permitirán á Xunta preguntar aos pais sobre a lingua na que prefiren que os seus fillos sexan escolarizados na escola.
O borrador de anteproxecto da Lei de
Convivencia de Participación da Comunidade
Educativa especifica que será “o titular da
consellería competente en materia de Educación”
o que ordenará a posta en marcha das consultas,
que intenta dar cobertura legal a unha enquisa
lingüística ás familias que foi negada polo
Tribunal Supremo e o Constitucional en varias
sentenzas. Así, e segundo se explica no artigo
30 deste borrador, a orde de convocatoria
destas posibles enquisas establecerá “o
carácter meramente orientantivo ou grao de
vinculación que para a Administración e os
centros docentes terán os resultados do
procedemento”.
Esta norma ad hoc que a Xunta prometera para
validar as polémicas consultas sobre a lingua
establece tamén que o devandito procedemento
levaríase a cabo durante o periodo de matrícula
dos rapaces e que se anunciará no DOG polo
menos con quince días de antelación ao inicio
das enquisas.
Estes “procedementos de consulta e
participación directa das familias” pretenden,
segundo insiste a Xunta, “solicitar as
preferencias individuais ou colectivas das nais
e pais ou titores dos alumnos”. O Goberno
galego aclara xa na exposición de motivos desta
lei que a participación das familias está
garantida “por
unha base constitucional
sólida” e que “é xuridicamente incontestable”,
a pesar de que sindicatos, Consello Consultivo,
Real Academia Galega, Tribunal Supremo ou
Tribunal Constitucional advertiron das dúbidas
legais.
Ademais, o Executivo que dirixe Núñez Feijóo
explica que “a regulación da participación
directa das familias no ensino desenvolve o
mandato establecido no artigo 118 da Lei
Orgánica de Educación”. Nesta regulación
estatal, especifícase que as “administracións
educativas adoptarán medidas que promovan e
incentiven a colaboración efectiva entre a
familia e a escola”.
Malia as dúbidas, a Xunta segue adiante e, se
nada cambia, a consulta sobre a lingua en
Primaria e Secundaria celebraríase en setembro.
Fonte: Xornal
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript