10/01/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Galicia pechou o 2010 con 237.313 parados, 14.474 máis que ao final do ano anterior, cun incremento de seis puntos e medio, en decembro 5.592 persoas quedaron sen emprego.
Este aumento situou a Galicia como a comunidade do estado que porcentualmente máis emprego destruíu nos últimos doce meses.
Galicia rexistrou en decembro unha media
de 997.774 afiliados á Seguridade Social, o que
supón que a comunidade perdeu o millón de
cotizantes o pasado ano, ao caer o seu número
en 8.001 persoas (-0,80%) respecto de novembro
e en 23.352 sobre o mesmo mes do exercicio
anterior. É a cifra de cotizantes máis baixa
desde maio do 2005.
O derrubamento da taxa interanual, máis dun
punto por encima da media estatal, coloca a
Galicia como a comunidade que porcentualmente
máis emprego destruíu nos últimos doce meses,
seguida de Baleares e Castela-A Mancha.
O concello galego con máis parados é Vigo
(29.156), onde o desemprego rexistrado creceu
por encima da media galega (un 8,51%).
Por comarcas, os maiores incrementos en termos
absolutos producíronse nas áreas de Vigo -once
concellos-, con 3.134 parados máis que a finais
do 2009, e A Coruña -nove -, con 1.736 parados
máis.
Por provincias, o maior incremento relativo
rexistrouno a de Lugo que, cun 10,32% máis
(2.184 persoas), chegou aos 23.352
desempregados o ano pasado. Na comparación
intermensual, o aumento foi do 1,25%.
No caso de Pontevedra, a suba no último ano foi
do 7,57% (6.599 persoas máis) e, en relación
con novembro, situouse no 3,14%. O total chega
ás 93.808 persoas
A continuación, o paro creceu un 6,48% en
Ourense en 2010, ao sumarse 1.612 persoas ás
listas e alcanzar un total de 26.480.
Por último, na provincia da Coruña, o ano
pasado pechou con 4.079 desempregados máis que
en 2009 (un aumento do 4,55%), ata un total de
93.673.
Na comparación intermensual, o desemprego
creceu un 2,32%
A perda de afiliados no 2010 foi menor ca rexistrada o ano
anterior (entre outras cousas porque cada vez
queda menos a quen despedir), o que dá pé ao
Executivo para afirmar que se está tocando
chan» e fai «prever a recuperación para os
meses vindeiros»
Desde que Feijoo prometera na campaña electoral
que acabaría co paro en corenta días escoitamos
a mesma cantinela, “estamos no bó camiño”,
“tocamos fondo”…, aínda que cada ano as cifras
son peores e detrás delas vai a destrución
da estabilidade económica de milleiros de
familias, sempre lles atopan un lado positivo.
A realidade demostra que as receitas dos
gobernos neoliberais non
rematarán coa sangría, as súas normativas e
decisións van encamiñadas a satisfacer os
desexos dos que nos despiden e precarizan.
Para facerlles cambiar as políticas só
nos queda un camiño, o da mobilización.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript