xaneiro de 2011
 
 

10/01/2011

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

Increméntase a perda de poder adquisitivo

A inflación acumulada durante todo o ano 2010 foi, oficialmente, do 2,9%, isto unido á diminución salarial supón aos traballadores/as da administración pública unha perda directa de poder adquisitivo do 8%.
Aos traballadores/as da empresa privada non lles vai moito mellor, cun incremento medio en convenios do 1,3% (nas estatísticas), a perda tamén é evidente.

 

  • Noticias relacionadas

 

Estamos en crise e alguén ten que pagala. Traballadores e traballadoras estamos a sufrir un ataque en toda regra, sen precedentes, e en todos os ámbitos, social, laboral, económico…

Social: a perda de servizos básicos e a privatización dos poucos que resultan rendibles para o capital é a opción primeira que os gobernos neoliberais tomaron para reducir déficit, con estas medidas servizos imprescindibles para as economías máis desfavorecidas non existirán ou estarán fóra do seu alcance.

Laboral: a reforma sitúanos nun mercado máis propio da escravitude que dos tempos que, teoricamente, estamos a vivir. Despido gratis, convenios colectivos sen eficacia, as relacións laborais pasan de estar regradas a se converter nun acordo individual entre empregado e empregador coa perda de dereitos que iso conleva, camiñando á temporalidade e precariedade absoluta como xeito normal de contratación.

Económico: o ano pasado inaugurouse cunha inocentada para traballadores e traballadoras, era a noticia de que sindicatos (os maioritarios) e patronal chegaran a un acordo para os soldos de 2010 a 2012. Ese pacto avogaba pola moderación salarial para conter prezos e lograr que as empresas gañasen competitividade. En 2010, a recomendación de suba salarial do Acordo Interconfederal de Negociación Colectiva (o seu nome oficial) era do 0% ao 1%.

O sindicatos maioritarios, sempre preocupados por axudar nesta coxuntura, non lles importou “acordar” a costa das carteiras de traballadores/as.

O efecto, que se dicía querer evitar, produciuse de todos os xeitos a avaricia do capital non ten límites e a inflación alcanzou o 3% deixando a millóns de traballadores/as cunha perda de poder adquisitivo que tarde ou nunca recuperaremos.

A presión do Banco de España, Banco Central Europeo e a patronal, co argumento de que a revisión dos salarios non debe facerse segundo a evolución dos prezos, senón acorde coa produtividade, presionaron, e conseguiron, que na maioría de convenios non aparecese a denominada cláusula de revisión salarial  o que impedirá a millóns de traballadores/as recuperar, de xeito inmediato, o poder adquisitivo perdido.

A teaza acordada entre patronal e goberno non deixa de apertar a traballadores/as, o novo presidente da patronal informoulles aos seus representados de que alcanzara un acordo co goberno para a próxima “negociación” sobre convenios colectivos. O goberno do estado xa deu un prazo, ata marzo, para que os interlocutores sociais (sindicatos maioritarios e empresarios) acordasen, senón procederá, como non, a lexislar por decreto.

Neste contexto non caben termos medios nin panos quentes, ou nos organizamos e mobilizamos ou a situación para traballadores/as empeorará.


 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript