10/01/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Dende a Real Academia Galega amosáronse moi desgustados ante as primeiras informacións aportadas pola Xunta á respecto da Lei de Convivencia e Participación Escolar. A citada normativa, que segundo afirma a Consellería de Educación trata de “mellorar o clima nas aulas”, daralle cobertura legal á realización de consultas aos pais sobre temas tales como o idioma das materias a impartir.
A citada normativa, que segundo
afirma a Consellería de Educación trata de “mellorar
o clima nas aulas”, daralle cobertura legal á
realización de consultas aos pais sobre temas
tales como o idioma das materias a impartir.
Deste xeito, a Administración galega, nesa
suposta busca de “corresponsabilizar as
familias co ensino dos seus fillos”, abre a
porta a que expresen mediante consultas as súas
preferencias en materia de lingua.
Así, a Xunta estaría a dar cobertura legal a
unha promesa electoral que bateu coa
xurisprudencia. Nas bases do chamado decreto do
plurilingüismo a Consellería de Educación
estipulaba que serían os pais os que
determinarían mediante consulta cal sería a
lingua na que serían ensinados os seus fillos.
Este feito non pasou desapercibido á Real
Academia Galega, organismo presidido por Xosé
Luís Méndez Ferrín, que ten recorrido o decreto
de Alberto Núñez Feijóo. O secretario da RAG,
Xosé Luís Axeitos, manifestou onte a Xornal de
Galicia: “O tema da Lei de Convivencia, no que
ten que ver coa lingua e as consultas será algo
que con probabilidade se tratará na próxima
reunión do plenario da Real Academia que, se
non me trabuco, se celebrará o próximo día 15
de xaneiro”.
Aínda que polo momento e ata que a norma, ou o
que se coñece dela, non sexa debatida no
plenario dende a RAG prefiren non pronunciarse,
Axeitos advertiu: “Hai que recordar que nós xa
temos recorrido o decreto ante a Xustiza co cal
creo que é evidente a nosa posición con
respecto a que sexan os pais os que determinen
o idioma nas aulas. A verdade é que para nós,
este tema que aparece na Lei de Convivencia das
consultas, non é outra cousa que unha
disposición máis que emana do decreto”.
No día de onte, ademais da Real Academia Galega
tamén se manifestou á respecto da Lei de
Convivencia o sindicato STEG de profesionais do
ensino. Un dos seus portavoces, Xosé Cabido,
manifestou a Xornal o seu desagrado pola
inclusión da figura das enquisas aos pais no
anteproxecto que prepara a Xunta. “As familias
non poden tomar decisións que permitan que
aumente o analfabetismo dos seus fillos en
lingua. As familias non poden facer iso e as
autoridades competentes non poden permitírllelo
facer”, explicou o sindicalista. “Os contidos
curriculares son temas nos que non deben
inmiscuirse máis que os especialistas e os
profesionais do ensino”, sentenza Cabido.
Unha visión moi similar é a que defenden dende
a CIG-Ensino. Para o seu secretario nacional,
Anxo Louzao, a Xunta de Feijóo só pretendía ao
impulsar a Lei de Convivencia “dar un marco
legal para poder levar a cabo as súas consultas
sobre o idioma aos pais”.
Iso si, a Consellería de Educación de Jesús
Vázquez, que aínda non deu a coñecer o texto do
anteproxecto, terá que ter en conta que, de
momento, tanto o Tribunal Constitucional como o
Supremo rexeitan que sexan as familias as
encargadas de determinar a lingua prioritaria
na que son ensinados os seus fillos.
Fonte: Xornal.com
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript