10/01/2011
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
O sindicato nacionalista maioritario, a CIG, ven de facer pública a convocatoria de
FOLGA XERAL para o día 27 de xaneiro. A CUT secundará esta folga e porá ao seu servizo todos os seus recursos.
A nosa central sindical leva dende finais do ano 2007 denunciando que o capitalismo pretende solucionar a súa crise sistémica volvendo a situarnos no século XIX. Dixemos nas rúas que ESTE SISTEMA NON SERVE e hoxe a historia demostra que entramos nunha nova etapa na que debemos tomar a iniciativa ou imos cara ao escravismo e a explotación sen límites.
Os partidos políticos, tanto teñen as
siglas legais que os amparen, renunciaron á
ideoloxía e convertéronse nos xestores do
capital. O que eles chaman democracia en
realidade é CAPITALISMO PARLAMENTARIO. Os
profesionais da política deciden nas cortes e
parlamentiños autonómicos cal vai ser o noso
futuro e a nosa vida sen nos ter en conta:
reformas laborais, pensións, privatizacións,
subas de prezo, conxelacións salariais, maior
opresión nacional, persecución do idioma e da
nosa cultura... deciden o que temos que opinar,
sobre que temos que opinar e cando podemos
falar, e se non facemos caso levamos pao e
represión "democrática".
A CUT defendeu, defende e defenderá a
MOBILIZACIÓN CONTUNDENTE E CONTINUADA como
xeito de reverter esta situación. Defendemos a
capacidade do pobo traballador galego para ser
o protagonista da súa historia. Secundamos a
greve e demandamos que a CIG non teña titubeos
nen dúbidas, que non estea a expensas do que
decidan en Madrid CCOO e UGT, porque a razón de
ser sindicato nacionalista non é outra que
tomar a iniciativa na defensa dos traballadores
e traballadoras do teu país, e para iso é
necesario que pensen en clave galega. Unha vez
máis facemos pública a nosa intención de
colaborar para que a Greve sexa un éxito e
desta vez esperamos que a CIG saiba prescindir
dos intereses particulares e conte con nós.
Así mesmo demandamos que CCOO e UGT secunden
esta folga como os demais secundamos a
convocatoria do 29 de setembro e fixemos, en
moitos casos, o traballo que eles tiñan que
facer e non fixeron.
A raiba é un sentimento en alza entre a clase
obreira galega, cada vez somos máis os que non
queremos seguir perdendo dereitos e calidade de
vida. Temos que organizarmos sen sectarismos
dende a esquerda sindical, e transmitirmos
confianza en que a loita é o único xeito de
defender os nosos dereitos. A Folga Xeral do
próximo Xaneiro é unha boa oportunidade para
comezar 2011 loitando para que a crise a pague
o capital.
POR UNHA GALIZA CEIBE
CONTRA O CAPITAL, UNIDADE E LOITA SINDICAL!
TODAS/OS Á FOLGA XERAL!!!
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript