decembro de 2010
 
 

27/12/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

Todas as cidades galegas superan os valores límite de contaminación por óxidos de nitróxeno

Segundo os datos compilados por Ramón Varela, ex-presidente de ADEGA e un dos maiores expertos en contaminación de Galiza, a concentración de óxidos de nitróxeno (NOx) no ar das principais cidades galegas superou este ano os límites legais (220 ug/m3 e hora).

 

  • Noticias relacionadas

Todas as áreas urbanas estiveron nalgún momento por riba dos valores máximos recomendados. Particularmente graves son os casos de Ourense, Compostela, Vigo, Ferol e Pontevedra, cidades nas que ademáis estes valores máximos superáronse máis veces das legalmente permitidas (18). Estes compostos, altamente tóxicos para a saúde e nocivos para o ambiente, proveñen fundamentalmente dos motores de combustión (tráfico) e da queima de combustíbeis fóseis (térmicas). Galiza conta cunha das redes públicas máis cativas de todo o estado para o control da contaminación atmosférica, con só 9 estacións fronte ás 72 de Euskadi, as 68 de Catalunya ou as 23 de Madrid.

Estes compostos, especialmente o NO e o NO2 son altamente tóxicos para a saúde e poden causar danos pulmonares graves. No ambiente, actúan redutores de pH e defoliantes, formando parte da chuvia ácida. A contaminación atmosférica por NOx pode estenderse a zonas moi alonxadas dos centros de produción (principalmente fábricas e cidades) causando a acidificación do solo e contribuindo ao incremento do ozono troposférico.

Para reducir esta perigosa contaminación compriría unha actuación decididas das administracións, nomeadamente a Xunta, que dispón de amplas competencias. Precísase controlar as emisións das industrias na periferia das cidades: FINSA en Compostela, ENCE en Pontevedra, REPSOL na Coruña, OREMBER en Ourense, MEGASA en Ferrol...; as emisións das calefaccións das institucións, grandes instalacións e comunidades e, sobre todo, das emisións provintes do tráfico que nos últimos anos teñen aumentado espectacularmente en Galiza. Por parte da Xunta séguese a apostar por un modelo de transporte baseado no automóbil privado (Plano MOVE, subvencións á merca de coches...) en detrimento do tren, do transporte público e da mobilidade sustentábel. As consecuencias destas políticas, como estamos a ver cos óxidos de N, afectan tamén á saúde, ao ambiente e á fertilidade dos ecosistemas

VIGO. LÍMITE SUPERADO 70 VECES

No período de estudo do informe, desde o 26 de agosto ata o 1 de decembro, Vigo chegou a acadar unha máxima de 404,75 ug/m3, o 4 de novembro. Na cidade viguesa rexistráronse 70 mostras que superaban o límite permitido nun só trimestre.

A CORUÑA. LÍMITE SUPERADO 14 VECES

Desde o 26 de agosto ata o 30 de novembro, a cidade da Coruña superou 14 veces o límite legal para a protección da saúde, que só debe superarse 18 veces en todo un ano. O máximo rexistrado foi de 270,08 ug/m3, o pasado 23 de outubro.

OURENSE. LÍMITE SUPERADO 112 VECES

O caso de Ourense é un dos máis graves xa que, polas mostras, é a cidade que rebasou máis veces os límites de óxidos de nitróxeno, en parte polo seu clima e a súa situación. No último trimestre, superou o recomendable 112 veces, e chegou ata unha máxima de 458,24 ug/m3

SANTIAGO. LÍMITE SUPERADO 52 VECES

Santiago ten dúas estacións de medición, en San Caetano e no Campus Sur. Os datos son máis graves na primeira, onde se chegou a emisións de 565,67 ug/m3, moito máis do dobre do recomendable, e superouse o límite ata en 52 ocasións.

PONTEVEDRA. 68 VECES

No trimestre ata finais de novembro, a máxima foi de 320,17 ug/m3. Ata en 68 ocasións superaronse os 200 recomendables para protexer a saúde.

LUGO. 4 VECES

Lugo estaría na media recomendable de 18 ocasións ao ano. Os óxidos de nitróxeno non son

o maior problema da cidade, con outro tipo de contaminación.

FERROL. 24 VECES

A central das Pontes inflúe, ademais doutros factores, na cidade de Ferrol, onde se chegou ata os 374,9 ug/m3 e superouse o límite 24 veces.




 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript