decembro de 2010
 
 

20/12/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

"Ós investigadores non se lles garantiu praza fixa", di a Xunta

"O sistema está mal deseñado e hai que pór orde", contesta o director xeral, Ricardo Capilla, á manifestación dos Precarios ·· Lémbralles que as universidades non poden absorber a todos e que se só se convocan 15 prazas do programa Parga Pondal é porque así o pediron os campus.

 

As prazas para investigadores financiadas pola Xunta xa non seguirán crecendo ó ritmo dos últimos anos. Economía e Industria reaccionaba onte ante as protestas organizadas por Precarios-Galicia, que denuncian que a convocatoria de 2010 deixa no aire o futuro de case 300 científicos e técnicos. O departamento, con competencias en I+D+i, recordáballes que as universidades non poden absober todos os contratados. Por este motivo, indican, só se convocaron 15 novas prazas este ano. "En ningún momento se lles garantiu que o que entrase no programa ía obter unha praza fixa", indica o director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla.

A Xunta paga o salario de 852 científicos e técnicos. A maior parte, 729, traballan para as tres universidades. Os investigadores fóronse incorporando desde o ano 2005, con especial impulso nos anos do Bipartito, que deseñara un itinerario para poder desenvolver unha carreira investigadora na comunidade. Establecéronse seis tipos de contratos polos que deberían escalar ata lograr un emprego estable. Pero o sistema atascouse e para darlles un posto fixo, as universidades só poden convertelos en profesores que, ademais de á investigación, se dediquen á docencia. E os campus non teñen recursos para absorbelos a todos. "O sistema está mal deseñado e hai que pór orde", subliñaba onte o director xeral de I+D+i. Capilla subliña que este ano só se convocaron 15 prazas para o programa Isidro Parga Pondal destinado a doutores porque esta foi a petición das universidades. Os 852 contratos actuais levaron este ano 26 millóns de euros, pero a cifra non pode seguir incrementándose indefinidamente, explica a Xunta. "O programa ten agora unha madurez", indica o director xeral, que afirma que "hai que apostar pola I+D+i pe­ro con cabeza".

Incerteza polo novo plan de I+D+i

O conflito polos recortes na convocatoria de prazas chega en plena transición das políticas de I+D+i galegas. O plan deseñado polo Bipartito caduca este mes e a Xunta espera aprobar proximamente o novo Plan de investigación, innovación e crecemento. Un dos cambios será que a investigación das universidades pasarán a depender da Consellería de Educación. Capilla explica que con base no novo plan, a Xunta espera sacar máis prazas para a etapa predoutoral, que xa foron reclamadas polas universidades. O borrador establece unha carreira investigadora similar ó do seu predecesor, pero non establece o número concreto de novos contratos. Capilla matiza, amais, que os campus levarán algo máis do 30% dos case 200 millóns de euros que se investirán este ano.

Fonte Xornal Galicia Hoxe
 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript