decembro de 2010
 
 

20/12/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

Decembro, o mes máis negro con 6 mulleres asasinadas

Decembro converterase no mes máis negro do ano para as mulleres. En só 18 días, seis mulleres faleceron a mans das súas parellas ou ex parellas e outra máis, cuxo corpo aínda non foi atopado, podería engrosar esta lutuosa lista, na que en 2010 xa hai 71 nomes, unha cifra moi superior á de 2009, con 56 mortas.

 

  • Noticias relacionadas

O asasinato dunha moza de 23 anos en Catral (Alacante) o pasado día cinco foi o primeiro rexistrado este mes. Dous días despois, a súa tamén ex parella matou a Cristina Estébanez, de 25 anos, na localidade biscaíña de Barakaldo.

A terceira vítima do mes foi unha muller  de 27 anos, asasinada pola súa parella e a cuarta, outra muller á que o seu marido lle disparou un tiro na cabeza en Badaxoz, a pesar de ter unha orde de afastamento. Con respecto ó mesmo a delegada do Goberno en Estremadura, Carmen Pereira, sinalou que a arma utilizada polo home que matou a súa ex parella puido adquirila aquel "no mercado ilegal". Por iso, engadiu, nestes momentos "estase rastrexando, a través da identificación da arma, onde puido obtela".

A penúltima finada como consecuencia da violencia machista confirmada ata a data sería a muller de 43 anos falecida onte na localidade barcelonesa de Santa María de Palautordera, asasinada o seu marido. A muller non denunciara previamente o seu compañeiro, con quen convivía desde hai seis anos. O homicida, Francisco L.C., de 35 anos, do mesmo xeito que a vítima, presentouse cara ás seis da mañá na comisaría e confesou ser o autor da morte da súa muller, á que encontraron morta pouco despois na casa que ambos compartían en Palautordera.

O último asasinato sucedeu o sábado, día 18. O crime tivo lugar na localidade de Porzuna. O suposto autor foi detido. A vítima denunciouno fai menos dun mes, pero non tiña protección.

Segundo a subdelegación do Goberno, os feitos producíronse no domicilio familiar en Porzuna (Cidade Real) tras unha discusión entre a parella, no transcurso da cal o home produciu lesións á vítima cunha arma branca.

Foi ela mesma a que avisou ao 112, tras o que foi trasladada ao Hospital Xeral de Cidade Real, onde foi intervida cirurxicamente, pero faleceu sobre as 2.00 horas desta madrugada.

A vítima denunciou á súa parella sentimental o pasado 27 de novembro no cuartel da Garda Civil de Porzuna, aínda que na actualidade non constaba que tivese algunha medida de protección.

O mes de xullo foi ata agora o máis sanguento no que vai de ano, con nove mulleres mortas, segundo os datos da Secretaría de Estado de Igualdade. En contraste, en agosto houbo unicamente unha falecida por violencia machista.

Das 71 asasinadas en 2010, só 20 presentaran denuncia aínda que posteriormente a retiraron dúas. O ano completo no que máis mulleres morreron foi 2008, con 76 vítimas; seguido de 2004, con 72; de 2003 e 2007, con 71 vítimas cada un; de 2006, con 69; e de 2006, con 57. No que vai de mes de decembro, sen contar o caso de Boadilla, son cinco as asasinadas, unha menos que as que se contabilizaron nos meses completos de outubro, maio e marzo, nos que houbo seis vítimas mortais en cada un.

O Ministerio mantén tres casos en investigación ocorridos en Córdoba, Marbella e As Palmas de Gran Canaria. O teléfono de atención á muller maltratada é o 016.

XUÍZO POPULAR

Declaran culpable o ancián xulgado en Coristanco


Un xurado popular declarou onte culpable de asasinato a Ramón Iglesias González, de 78 anos, que en agosto do ano pasado matou a golpes a súa ex muller en Coriscanto (A Coruña) valéndose dunha ferramenta agrícola.

Agora será o maxistrado da Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña quen determine a pena do condenado. A Fiscalía elevara durante a lectura das conclusións de 17 a 18 anos a pena solicitada para Iglesias González, argumentando que neste caso concorría a agravante de parentesco.

Pola súa banda, a defensa solicitou a súa libre absolución ou subsidiariamente unha condena de 5 anos de prisión por un homicidio no que concorren varias circunstancias atenuantes, como lexítima defensa e alleamento transitorio. As acusacións particulares que exercen os oito fillos que viven dos once que a vítima, Ubaldina Pazos, tivo co imputado, mantiveron a petición inicial de 25 anos, cinco deles, e 19 os tres restantes. Finalmente, a Avogacía do Estado tamén mantivo a petición de 15 anos e 6 meses de prisión. A vista oral con xurado popular que se segue contra Iglesias González concluíu á primeira hora da tarde de onte na sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña coa declaración dalgúns peritos e as conclusións da Fiscalía, as acusacións particulares e a defensa.

Iglesias González foi xulgado por matar o 7 de agosto de 2009 a súa ex muller, coa que convivía en Coristanco (A Coruña). As declaracións onte dalgunhas das fillas producíronse entre bágoas e evitando mirar ó seu pai, e todas elas acusárono de maltratar a familia durante anos. Unha das fillas explicou ante a sala que á súa nai lle "daba pena" o seu pai, polo que decidiu recollelo nos últimos anos da súa vida para evitar que "morrese na rúa".

Ramón Iglesias recoñeceu que tras matar a súa ex muller meteulle as chaves da vivenda na boca.

VIGO

Pégalle diante do seu cativo


Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un home, natural de Ourense e de 32 anos de idade, D. F. F., como presunto autor dun delito de ameazas á súa parella, estando presente o fillo da muller, de 5 anos de idade.

Os feitos aconteceron sobre as 21.25 horas, cando unha patrulla se trasladou a un domicilio da rúa Torrecedeira, alertada polos veciños de que estaba a producir unha forte discusión.

Ao chegar ao lugar, a propia muller e ou seu fillo abriron a porta chorando e ela confirmou que fora ameazada pola súa parella, que foi detida.

Fonte: Xornais
 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript