13/12/2010
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
A plena adaptación a Boloña das carreiras coincidiu cun incremento de máis do 13% do novo alumnado nas universidades de Santiago (USC) e Vigo (Uvigo). Pero Boloña non forneceu o mesmo efecto positivo para todas, a Universidade da Coruña (UDC) non informou oficialmente sobre este aspecto pero nas conversas con Xerencia e Vicerreitor de Planificación Económica, díxosenos que a matriculación diminuíra.
Na Universidade da Coruña, á espera dos
datos exactos, parece que, segundo os xornais,
os peores resultados de matrícula seguen
concentrándose no campus de Ferrol.
As tres universidades do sistema universitario
galego ofertan 141 novos títulos de grao,
contando os títulos repetidos en dous ou máis
campus.
A adaptación a Boloña implica unha avaliación
periódica das carreiras para comprobar se
cumpriron os obxectivos fixados. E un deles é
ter unha demanda mínima de alumnos. Se non se
cumpre, o grao en cuestión podería desaparecer. Isto é polo menos o que se reiterou
durante o proceso de adaptación, aínda que unha
vez concluído, as pautas que se seguirán nas
avaliacións seguen sen estar claras.
A Consellería de Educación sinala que o número
mínimo de alumnos, xunto a outros criterios de
viabilidade, deben recollerse nunha normativa
estatal antes de que a Xunta de Galicia poida
dotarse dun marco propio. En calquera caso,
unha orientación podería ser o limiar mínimo
acordado para a adaptación a Boloña, que a Consellería e as universidades pactaron no ano
2007 en 25 estudantes, tras proporse nun
primeiro momento o de 30.
A escaseza de estudantes coincide na maioría
dos casos con oferta duplicada ou ata
triplicada, aínda que a multiplicación tampouco
é sinónimo de aulas a medio aforo en todos os
casos. De feito, outras carreiras presentes nas
tres universidades gozan dunha demanda elevada,
deixando ata a moitos aspirantes fóra. Nesta
situación atópanse os graos de mestres ou
Enfermería, que se repite nos sete campus
galegos.
Dereito ou Administración e Dirección de
Empresas (ADE) son outras clásicas que gozan
dunha excelente demanda.
Os casos de carreiras con aulas case baleiras
persisten, pero, coincidencia ou non, con
Boloña son máis os títulos que tomaron
distancia coa discreta demanda que mantiñan en
anos pasados. As carreiras clásicas son o
mellor exemplo. No campus de Santiago,
Filosofía pasou de atraer a só 42 alumnos en
primeiro a sumar este curso 88. O grao de
Xeografía tiña o curso anterior 27 novos
matriculados e en 2010 chegou ós 62. En
Filoloxía, o incremento no grao de Lingua e
Literatura Inglesa é aínda máis espectacular:
de 88 matriculados pasou a 197.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript