02/11/2010
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Máis colaboracións.
Sobre o estado de alarma
Con motivo do aniversario da Constitución e ao
analizar os duros acontecementos dos últimos
días, pregúntome se os cidadáns -ou polo menos
os que amamos a democracia- perdemos máis do
que creemos. Independentemente de quen teña
razón no conflito aeroportuario, pregúntome: a
ninguén lle inquieta que, por primeira vez en
democracia, un Goberno recorrese ao exército e
á xurisdición militar para resolver un conflito
civil? Non é alarmante a posibilidade de que
futuros gobernos fagan o mesmo con outros
colectivos? Non resulta preocupante oír á xente
da rúa aplaudindo a man dura e manexando unha
solta verborrea preconstitucional, malia que
esas persoas eran, ata hai cinco minutos,
demócratas, progresistas e mesmo de esquerdas?
A todo o mundo lle parece aceptable a
identificación sen matices de Goberno e Estado?
Estado de alarma ante os especuladores
A crise dos controladores que acabamos de
padecer ofrece unha boa oportunidade para
comparar os diferentes modos de actuación que a
clase política é capaz de emprender para
solucionar situacións conflitivas.
Ante o que se denominou "chantaxe" e "secuestro
da cidadanía" por parte duns privilexiados que
non dubidan en poñer en xaque a un país por
intereses egoístas, o Goberno decretou en tempo
récord o estado de alarma, restableceu manu
militari a normalidade aérea e vai facer recaer
o peso da lei sobre os que considera culpables.
Non obstante, levamos moito tempo soportando os
ataques dos especuladores financeiros que coas
súas operacións poñen contra as cordas a
economía de distintos países, obrigando os seus
gobernos a rebaixar soldos, conxelar pensións,
recortar gasto público en sanidade e educación,
promover reformas laborais e alongar a idade de
xubilación.
Sería posible que os gobernos de Europa
decretasen outro estado de alarma e impedisen -poñamos
que por un ou dous anos- as especulacións a
curto prazo e outras manobras financeiras que
prexudican gravemente as economías dos estados?
Os cidadáns non se mobilizan
Coa implementación de máis recortes no Estado
do benestar, o presidente do Goberno, José Luis
Rodríguez Zapatero, faille o xogo sucio á
dereita, ao gran capital e aos mercados.
Vimos o exemplo dos países veciños -Portugal,
Francia, Italia, Grecia, Inglaterra-, onde o
pobo saíu á rúa para protestar contra os
recortes do Estado do benestar, e nós cunha
minifolga xeral que non serviu para nada. Ata
cando imos aguantar?
Por que temos que soportar as clases máis
desfavorecidas tanto sacrificio para que os
máis podentes engorden as súas contas correntes
á nosa costa?.
Os fondos de pensións son a panacea
Despois de provocar a burbulla inmobiliaria,
que aínda non rematou, os lobos financeiros do
mercado liberal sen escrúpulos están a pensar
noutra faena para quedar co noso diñeiro: os
fondos de pensións. Estes publicitan se coma se
fosen a panacea das pensións, pero a
experiencia dinos que, cando liberamos un fondo
desta categoría, a súa rendibilidade é nula, xa
que mesmo o capital principal minguou. Isto
débese a que o diñeiro se investiu en valores
mobiliarios e inmobiliarios, o que deu como
resultado unha escasa rendibilidade, no mellor
dos casos.
A causa é a aplicación das políticas liberais
que Mariano Rajoy impoñería no noso país en
caso de gobernar. A crise que padecemos foi
creada ao abeiro das teses liberais que defende
a dereita europea, maioritaria en Europa. Os
gobernos non se atreven a lexislar para
controlar os cacos de luva branca.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript