outubro de 2010
 
 

25/10/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

Os galegos e galegas cada vez máis pobres

Segundo a enquisa conxuntural a fogares publicada polo Instituto Galego de Estatística (IGE), o 46% dos fogares galegos chegan a fin de mes con dificultade. Nesa mesma estatística reflíctese que un de cada dez faino con moita dificultade. O 47,68% das parellas con fillos recoñeceron chegar a fin de mes con serias dificultades.

.

 

  • Noticias relacionadas

 

O 79,78% de familias sobreviven con menos de 1.000 euros ao mes. Mentres que so o 10% gañan máis de 2.000 euros.

Diante desta situación o 35,6% dos fogares recorre, para aforrar, ás marcas brancas. O 20,1% aforra en vacacións, roupa, calzado, transporte…. O 6,3% en peor situación vise obrigado a botar man da familia e amigos para chegar a fin de mes.

As estatísticas son pertinaces, poñen as cousas no seu sitio. Sitúannos nunha Galicia empobrecida pola crise económica, e cunha situación nos seus fogares que é insostible.

Que máis da metade dos galegos/as chegue a fin de mes con dificultades ou moitas dificultades debería facer pensar aos políticos pero tamén ás organizacións sindicais.

Está claro que esta é a factura da solución que se lle está a dar á crise económica. Tamén está claro que todos estes fogares están compostos por traballadores/as, moitos deles en situación de paro ou cunhas condicións de precariedade tan altas que lles impide chegar a fin de mes sen dificultades ou mesmo con dignidade.

Os sindicatos convocamos unha exitosa folga xeral, estase a demostrar, na práctica, que isto non chega, a situación é a mesma que o día 28 de setembro, os obxectivos da convocatoria non se cumpriron.

A cuestión está enriba da mesa. Imos parar as mobilizacións?. Qué estratexia se está a preparar nos despachos dos supersindicatos?.

Se agora nos paralizamos o día 29 so serviría para facer un lavado de cara, para que os sindicatos maioritarios xustifiquen e intenten convalidar os anos de inacción.

Desde a CUT queremos facer un chamamento a non repregarnos, a seguir avanzando na mobilización. Neste camiño facemos, de novo, un chamamento ao sindicato nacionalista, segunda forza a nivel de delegados da nosa nación, a tomar a iniciativa e, de xeito conxunto, convocar unha folga nacional na que contará co noso apoio e tamén seguro co da clase obreira galega.

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript