Agosto de 2010
 
 

16/08/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

Colaboracións

 

 

Máis colaboracións.

 


 

 

               

 

En defensa propia
Estamos a asistir a un sistemático e desapiadado desmantelamento do Estado do benestar. O mercado, un ente sen nome nin posible identificación, está a poñer en xaque a vida das persoas, as súas familias e o seu futuro. Fálannos das políticas de axuste presupostario, de reformas estruturais, de sacrificios de pensionistas parados, traballadores. Sacrificios, din, necesarios para mellorar a economía. A economía de quen? A economía para quen?
Despois de ver pola televisión os disturbios de París, formúlome se a violencia da que tanto acusan aos que se opoñen a este sistema -persoas honestas e traballadoras que actúan para defender o pan de cada día e o dos seus descendentes- non é moito menor que a violencia dos que deseñan este sistema dende despachos luxosos, con traxes de
firma e gravatas de seda, organizando atracos con luva branca


Zapatero equivocouse  nas medidas adoptadas
Cando o paro chegou aos catro millóns, Zapatero tiña dúas opcións: Incrementar o investimento público coa conseguinte creación de emprego e reactivación do consumo, ou ben facer un plan de axuste das contas públicas. A primeira tería ocasionado un aumento do déficit e a débeda, o cal dificultaría poder seguir tendo o financiamento exterior que necesitamos. Francia e Alemaña non llo permitiron e tivo que optar pola segunda, co cal salvou ao euro, aos bancos, caixas e grandes empresas, pero isto provocará un maior número de parados e a imposibilidade de saír da crise en anos.
En Ponferrada acaba de dicir que pensa seguir ata o final da lexislatura, porque en política ano e medio é unha eternidade, e aquí é onde se equivoca, porque nin Francia, Alemaña, os bancos, as caixas e as grandes empresas votan. Votarán os parados, e estes non lle van perdoar que optase por salvar os grandes a custa dos pequenos, aínda que tivese razón ao facelo.


Menos e máis segundo Aguirre e Díaz Ferrán
En apenas 24 horas, dúas eminencias do sector neocon (chamémolo así) no noso país resumiron maxistralmente esta forma de pensamento (chamémola así). Esperanza Aguirre, embaixadora do Tea Party en Madrid, defendeu a fórmula "menos Estado e máis nación".
E o seu fiel admirador, Gerardo Díaz Ferrán, recoñecido liquidador de empresas e empregos, soltou aquilo de "menos salario e máis traballo". Difícil expresalo con menos palabras. E máis brutalidade.


Cen economistas fronte a un traballador
Os cen economistas que alentaron a idea de facilitar e abaratar o custo do despedimento dos traballadores volven ofrecernos estes días as súas receitas para salvar o sistema de pensións. Quero, en primeiro lugar, agradecerlles o seu desinteresado labor. Pero sobre todo quero solidarizarme con todos eles, porque no seu camiño pedagóxico por iluminarnos nestes momentos de confusión encontraron un serio impedimento; trátase dun traballador.
Un traballador que non entende que a economía non remonta porque o seu despedimento aínda é caro, porque o seu privilexiado salario de 1.000 euros actúa contra a competitividade e agora empéñase en defender a miserable pensión que lle quedará ao final da súa vida laboral, desafiando así a lóxica das magnitudes macroeconómicas. A nai que o pariu! Estamos, sen dúbida, ante un traballador desinformado ou, o que sería peor, ante un traballador influenciado por algunha organización sindical ancorada no pasado.
Como é posible que sexades incapaces de facer comprender ese traballador que, pola súa culpa, pola súa falta de visión macroeconómica, pola súa falta de flexibilidade ante as reformas estruturais pon en perigo a nosa economía? Animo valentes, que o tedes rodeado!




 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript