outubro de 2010
 
 

11/10/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

2.000 millóns para as universidades galegas en cinco anos

As universidades galegas disporán desta cifra ata o ano 2015 •• O luns, 11, reuniranse coa Xunta para concretar as partidas consonte os resultados Parécenvos moitos cartos?, pois non supoñen máis que unha prórroga do actual financiamento que, desde o ano 2005 pretendía chegar ao ano 2010 con esa mesma suma.

 

 

No mellor dos casos o que se “ofrece” non é máis ca unha conxelación, susceptible de mellorar ou empeorar en función do correspondente reparto.

No documento inicial incluíase alcanzar o 1% do produto interior bruto (PIB) antes do 2015, coas cantidades adiantadas será un obxectivo irrealizable.  O compromiso adquirido por todos os partidos políticos no Parlamento, mediante a aprobación por unanimidade dunha proposición non de lei para converxer coa media nacional en cinco anos en canto a financiamento das universidades queda en papel mollado.

O novo Plan de Financiamento no que traballa a Consellería de Educación estará listo antes de final de ano. O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, lanzou esta primeira cifra na súa última intervención na comisión parlamentaria para dar conta do estado do plan e ante as insistentes peticións de concreción por parte dos grupos da oposición.

No documento 2011-2015 recóllese que cada universidade asinará dous convenios bilaterais coa Xunta nos que se recollan os seus obxectivos en base ao seu punto de partida. Así, a diferenza nas infraestruturas, nas bolsas de excelencia ou o carácter histórico das institucións serán parámetros a ter en conta. Tamén aparece a obrigación de elaborar un plan de sustentabilidade, que cada universidade debe presentar á Xunta antes do próximo 15 de novembro, así como apartados específicos destinados a potenciar os campus non centrais de Ourense, Pontevedra, Lugo e Ferrol.

Díez de Castro apostou por "non seguir tratando ás universidades galegas como idénticas" para "favorecer a súa iniciativa", e lembrou que parte das transferencias da Xunta se realizarán en función dos "resultados" en certos indicadores e recoñecendo as "diferenzas" das universidades galegas. "A filosofía do novo plan será totalmente diferente á dos anteriores, e contará cun deseño moderno e dinámico, revisable e modificable", indicou Díez de Castro, ao tempo que precisou que os fondos se distribuirán conforme a tres tipos de financiamento: estrutural, por resultados e por mellora da calidade docente. A porcentaxe de fondos de cada apartado "estará sometido a negociación" coas universidades.

O mes de xullo pasado o Consello Galego de Universidades deulles o informe favorable ás liñas básicas do plan, polo que a Xunta traballa agora no peche dalgúns puntos co obxectivo de que estea listo antes de final de ano e as súas partidas poidan incluírse nos Presupostos da Xunta para 2011. O seguinte chanzo será o vindeiro luns, día 11, cando se reúna a Comisión de Financiamento para determinar o panel de indicadores que finalmente se aplicarán para a repartición das achegas correspondentes ao financiamento "por resultados".

Os campus poden acadar ata un 15% máis segundo a eficiencia

Entre un 5% e un 15% máis de financiamento poderán obter as universidades galegas consonte o novo parámetro orzamentario que atende a criterios de eficiencia e consecución de resultados.

O novo plan de financiamento universitario, inicia o seu percorrido reservando un 5% do investimento total á parte variable do financiamento, unha porcentaxe que se irá incrementando nos próximos anos ata alcanzar o 10% ou o 15% en 2015.

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript