04/10/2010
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
A crise capitalista á que se lle está a dar a solución imposta desde lonxanos centros de poder tivo, o día 29, a primeira resposta xeral da clase traballadora
A folga ten que marcar o comezo dun
cambio de rumbo na dinámica de resposta da
clase traballadora, acabouse o conformismo,
acabouse a tibieza na resposta sindical, o
camiño iniciouse e xa non se debe parar nin,
moito menos, dar marcha atrás.
O éxito da convocatoria de folga vai ser
xestionado polos sindicatos estatais
maioritarios, nós non confiamos neles,
demostraron en múltiples ocasións que o seu
afán por pactar lévaos a dilapidar nos
despachos o conseguido coa mobilización.
Calquera medida que se tome pola súa parte
conducente a desvirtuar a gran mobilización do
día 29 de setembro reforzará, aínda máis, a
represión que os dereitos dos traballadores/as
están a sufrir.
Que non se enganen estes sindicatos, xa existe
unha gran cantidade de traballadores/as, como
se demostrou o día 29, organizados á marxe das
súas directrices, traballadores e traballadoras
que tomamos o testigo da acción sindical, da
mobilización de clase e non imos parar.
En síntese a folga na Galiza foi un éxito
rotundo, unha folga que paraliza practicamente
ao 100% a industria, o transporte, a
construción, os servizos… ten que cualificarse
como tal, as nutridas manifestacións reflicten
este éxito.
O éxito da convocatoria na nosa nación pon de
manifesto o alto grado de sensibilización de
traballadores/as contra as políticas adoptadas
polos Gobernos central e autonómico confirmando
o que reclamamos desde fai tempo, que non é
máis que a necesidade de establecer unha
dinámica de mobilizacións que conclúa coa
retirada das medidas impostas. Estamos
convencidos de que un só día de loita non vai
ser suficiente.
Unha vez máis instamos ao sindicato
nacionalista maioritario para que, contando co
resto de forzas sindicais e de clase de ámbito
galego, tome a iniciativa neste sentido.
Temos que lembrar que a folga convocouse para
que unha crise que non creou a clase obreira
non a paguen os traballadores e traballadoras.
Para parar a gran avalancha de medidas
antiobreiras que o capital obriga a adoptar a
un Goberno títere.
A folga ten que servir para que o Goberno
cambie, de xeito radical, o seu rumbo. Debe
servir aos cidadáns e non servirse deles para
cadrar as súas contas e as dos seus amigos
capitalistas.
Se o Goberno non cambia as políticas, os
traballadores/as non podemos parar as
mobilizacións.
A LOITA CONTINÚA
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript