outubro de 2010
 
 

04/10/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

Un 10% máis de alumnos na universidade

O ministro de Educación sinala que, "en breve" se aprobará o Estatuto do Estudante Universitario

 

  • Noticias relacionadas

 

O número de alumnos que se van incorporar este curso 2010-2011 á Universidade creceu un 10% ata os 385.000, alcanzando así "máximos históricos", segundo anunciou onte o ministro de Educación, Angel Gabilondo, durante a súa comparecencia na Comisión de Educación do Congreso dos Deputados.

Deste xeito, o ministerio prevé que se chegue á cifra de 1,6 millóns de matriculados no sistema universitario, superando os niveis máximos que se alcanzaran a finais dos anos noventa. Así mesmo, o ministro mencionou que dende a posta en marcha dos másteres universitarios no curso 2006-2007, o número destes multiplicouse por tres e o de estudantes por cinco. De entre eles, a presenza de alumnos maiores de 30 anos representa 33%, un aspecto que para Gabilondo "demostra a aposta da sociedade pola formación continua".

Sobre o número de estudantes estranxeiros nas universidades españolas, o titular de Educación indicou que estes van superar a cifra de 80.000, dos que o 31% procede da Unión Europea. Tamén aumentaron os alumnos de Erasmus nun 15% respecto ao curso anterior situándose en máis de 29.200.

GRAOS E MÁSTERES

O ministro destacou, ademais, que este curso haberá 2.338 graos, 2.429 másteres e 1.624 programas de doutorado, que foron verificados polo Consello de Universidades, integrado polos reitores e representantes do Ministerio de Educación, de acordo cos criterios do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), que, segundo advertiu "empeza agora".

Sobre as bolsas universitarias, Gabilondo anunciou que "en breve" se aprobará no Consello de Ministros o Observatorio de Bolsas de Rendemento Académico para o desenvolvemento dun novo modelo de axudas, de tal forma que o sistema sexa "máis simple" e "potencie de forma clara o concepto de bolsa salario".

Noutra orde de cousas, o ministro adiantou que o Consello de Ministros tamén aprobará "en breves datas" o primeiro Estatuto do Estudante Universitario, mediante o cal os estudantes dispoñerán por primeira vez dunha regulación consensuada con eles e as universidades, dos seus dereitos e deberes.

Tamén afirmou, en resposta á interpretación de PP e CiU sobre a eliminación das cotas para FP o que deixou fora da universidade a alumnos de Bacharelato, que a incidencia destes estudantes é do 40% en só o 13% os títulos ofertados.

O titular de Educación asegurou que as comunidades máis afectadas por este cambio son Cataluña, Andalucía e Castela e León.

Fonte: Xornal

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript