27/09/2010
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Hai que recordar que aínda que estea convocada unha folga xeral en todo o estado español para defender os intereses da clase traballadora, existe o dereito a seguir sendo explotado,... perdón, o dereito a traballar. Se es dos que queres exercer o dereito a traballar, non esquezas que tamén existen outro tipo de dereitos que ninguén debe arrebatarche:
- Dereito a que che alonguen a idade de
xubilación ata os 67 anos ou mesmo aos 70,
aínda que esteas para o arrastre. Fundamental.
- Dereito a que che suban os anos de cotización
para que poidas cobrar menos xubilación. Que
non che quiten este dereito.
- Dereito a que che baixen o soldo. Deféndeo.
- Tamén tes dereito a que te despidan se o teu
xefe previu perdas (díxollo a bruxa Lola) para
o ano que vén. Isto é importante.
- Non esquezas o teu dereito a que o teu xefe
se poida saltar o convenio e ofrecerche unhas
condicións de traballo individuais por debaixo
dos mínimos estipulados en convenio.
- Defende o dereito a que te poidan despedir en
catro días, a pesar de que decidises traballar
nun día de folga.
- Correspóndeche o dereito a que te despidan
por case a metade de diñeiro.
- Dereito a pensar que non imos conseguir nada
coa folga. É mellor quedarse quietos e non
facer nada. Aguantaremos co que veña e xa está.
É polo noso ben.
- Que ninguén che quite a ilusión de herdar a
empresa. Estaría bo.
- Tes dereito a poñerte en lugar do empresario.
Cantos problemas ten, non como ti, egoísta.
- Non renuncies ao dereito de entregar o teu
diñeiro (diñeiro público) aos bancos, para que
se poidan facer recortes en gastos sociais e
infraestruturas. Para que queremos tantos
hospitais ou escolas? O primeiro é a banca, que
está a sufrir moito.
- Pero sobre todo, que ninguén che quite o
dereito a deixar un mundo peor para os teus
fillos, dilapidando os poucos dereitos que nos
quedan e que os nosos antepasados conquistaron
con sangue, suor e bágoas. Que lles dean por
saco, di que si.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript