setembro de 2010
 
 

21/09/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

Zapatero, paro e FMI

Hai que ter unha "visión distinta" do que é considerado emprego e desemprego como consecuencia da crise económica e asegurou que os desempregados que estean a recibir formación non deben ser considerados parados porque están "a traballar para o país". Declaracións de Zapatero en Oslo.

 

Estas declaracións de Zapatero están a levantar unha grande polémica. Aparecen como unha novidade cando, desde fai moitos anos, é un xeito máis de maquillar o paro.

Zaparero non fixo máis que darlle unha cobertura “filosófica” ás elaboracións das estatísticas oficiais.

Xa denunciamos noutras ocasións que cando se coñecen os datos sobre esta lacra ocúltase intencionadamente a existencia dun paro non contabilizado que rolda as 600.000 persoas que fai que a realidade sexa moito máis terrible da que nos pintan desde os organismos oficiais.

Nesa reunión realizada en Oslo o FMI recoñeceu que a crise capitalista deixou 30 millóns de parados en 3 anos.

O documento de conclusións elaborado conxuntamente entre FMI e OIT di que "o mercado laboral está nunha situación catastrófica e recorda que esta crise que "aínda non se detivo", cambiou a estrutura económica dos países e puxo a proba os modelos económicos, segundo salienta a axencia de noticias EFE.

Ilustrou, Strauss-Kahn, presidente do FMI, a súa exposición cos exemplos de Alemaña, Noruega e Xapón, cuxos mercados laborais apenas se alteraron, fronte a outros países como Estados Unidos e España, que viron repuntar de novo o desemprego "porque as súas exportacións se derrubaron ou se viron arrastrados polo colapso do sector da construción.

O informe di que eses dous países, EUA e España, son as nacións onde máis creceu o desemprego, pola súa excesiva dependencia -e abusos- do sector da vivenda.

"Esta crise -dixo-, a máis grave de todas, deixou un exército de parados sen parangón".

O presidente do FMI sinalou que o desemprego dos mozos no Estado Español alcanza o 40%, o dobre que ao inicio da crise (finais de 2007 e principios de 2008) e sentenciou que se non se adoptan medidas efectivas estaremos a falar dunha xeración perdida".

Strauss-Kahn reiterou que a crise capitalista non se vai deter e con ela o desemprego, e por iso insistiu en "a necesidade de cambiar a nosa forma de pensar e as nosas políticas".

"Esta crise -manifestou- non é como as demais. As regras do xogo cambiaron. Esta proba de lume non se resolve coas vellas receitas".

Contrastan, unha vez máis, as palabras cos feitos. As receitas que se nos están a aplicar no Estado Español, e que emanan precisamente do FMI, son as de sempre. Teñen como finalidade preservar o sistema favorecendo ás oligarquías financeiras, pulando a economía especulativa na contra da produtiva, incidindo na contención do gasto público…  e lexislando en contra da clase traballadora favorecendo o despido feito que incide directamente na caída do emprego e na precarización laboral e social da vida de millóns de traballadores/as.

Ao FMI hai que botalo abaixo!

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript