setembro de 2010
 
 

13/09/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

O capital xa o conseguiu

A aprobación da reforma laboral demostra que o goberno e o parlamento están fóra de servizo para os traballadores/as.

 

  • Noticias relacionadas

 

Os que orixinaron a crise coa súa voracidade sen límite son os que marcan as políticas para a recuperación.

Pasouse da “necesidade de refundar o sistema” (discurso que levaba implícita a súa culpabilidade) á execución dunha serie de medidas políticas que afectan exclusivamente, e sempre de xeito negativo, á clase traballadora.

Así o Goberno que, nun principio, se comprometeu a respectar os dereitos dos traballadores/as e a afondar nas políticas sociais, pasou dun día para outro, a defender e aplicar políticas totalmente contrarias.

Só fixo falta unha chamada de atención para que o Goberno que presumía da súa aposta social se puxese mans á obra na aplicación dos designios do Fondo Monetario Internacional, do Banco Central Europeo e do que lle esixía o sr. Botín (por certo moi preocupado porque, aparentemente, o PP non secundaba as políticas deseñadas).

Un Zapatero obediente comezou aplicando un recorte do 5% nos salarios de traballadores/as da administración pública e conxelou as pensións, para continuar cunha reforma laboral que precariza dun xeito inédito o mercado laboral dando liberdade de acción, en todos os sentidos, ao empresariado, cortou o investimento público, facilita, de facto, a evasión fiscal, incrementa a idade de xubilación aos 67 anos aumentando a 20 anos o cómputo para o seu cálculo e anuncia sen rubor que as reformas continuarán dous ou tres anos máis.

O capital non precisa presionar para que se teñan en consideración os seus intereses, por algo estamos nunha sociedade capitalista, está claro quen manda.

Nunha situación de conflito a correlación de forzas é o que decanta a súa solución.

Nesta sociedade o capital manda desde os despachos, desde os parlamentos, desde os gobernos…

Os traballadores/as só temos a forza das accións reivindicativas que abordemos, así cada agresión precisa ir acompañada da resposta axeitada.

O día 9 o capital deu luz verde no parlamento á maior agresión aos nosos dereitos desde a morte do fascista. O día 29 (tarde por certo) temos a obriga de comezar a darlle a resposta que se merece.

CONTRA O CAPITAL; TODAS/OS Á FOLGA XERAL

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript