setembro de 2010
 
 

13/09/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

Financiamento da Universidade

Aínda que non saibamos nada do financiamento, parece que, polo menos, hai xa un avance do plan para o período 2011-2015. A UDC fixo público, a través da Vicerreitoría de Planificación e Estratexia Económica, o seu rexeitamento a un proxecto que, como outras veces, a Comunidade Universitaria (polo menos o PAS) será a última en coñecer

 

 

A Universidade di que o novo plan de financiamento “perpetúa e reforza as diferenzas. Estamos moi preocupados diante da incapacidade de chegar a uns mecanismos de reparto que sexan equitativos”.

Xa vos informamos, no seu día, que o 28 de xullo na reunión do Consello Galego de Universidades (CGU) o
secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, sinalou que "en todo momento se mantivo a transparencia e o diálogo con todas as partes implicadas, co fin de conseguir o maior consenso no que será o novo modelo de financiamento do SUG,". Ademais recordou que "o proceso de elaboración deste plan coincidiu no tempo co 'Documento de mellora e seguimento das políticas de financiamento', elaborado polo Ministerio de Educación, e que será a folla de ruta que teñen que seguir os integrantes do Sistema Universitario Español”.

Bases do documento

As liñas básicas dada a coñecer reflicten a necesidade de marcar as pautas para o financiamento nas universidades, entre os que destacan a estabilidade económica, a suficiencia, a eficiencia e a equidade institucional. Ademais conta cunha epígrafe dedicada á diagnose do SUG; e outra na que se delimitan que os obxectivos son converxer coa media estatal de financiamento público da universidade (medido a través da porcentaxe do PIB), e conseguir a media de financiamento do Sistema Universitario Español.


O documento estrutura as achegas ás universidades a través dunha epígrafe dedicada ao financiamento destas. Así na sección estrutural o punto de partida será a cantidade necesaria para conseguir o principio de suficiencia estática que proporcionará estabilidade ás institucións universitarias en Galicia.

No financiamento por resultados considéranse os resultados medidos a través da docencia, investigación e transparencia tecnolóxica. Mentres que en financiamento por mellora da calidade se determinan as achegas de acordos ou convenios das consellerías e a Administración pública coas universidades.


Do mesmo modo se determinan as áreas de acción que miden os progresos das universidades no cumprimentos da súa misión. Un labor de control que se mide polo grao de satisfacción das necesidades sociais, a docencia, a investigación, a proxección internacional, a responsabilidade social, a xestión e a consolidación dos campus periféricos.

Respecto ao financiamento parece que se parte dunha asignación por alumno/a. Segundo o cálculo do documento de propostas elaborado por unha comisión mixta formada polo Goberno, as CCAA, as universidades e varios expertos, presentada no Consello de Universidades en xaneiro de 2010, dez comunidades, entre elas a galega, precisaban a inxección de 326 millóns de euros para que as súas universidades se equiparen á media de financiamento por alumno. Descoñecemos si ese estudo se levou á práctica.

E un reparto variable valorando aspectos coma a eficiencia no eido da investigación,
transferencia de coñecementos, na integración laboral dos estudantes…

Este tipo de baremo á UDC non lle vale. A Universidade da Coruña que ten unha boa nota na integración laboral dos seus titulados, non cumpriu os deberes, polo menos, segundo reflicten os ránkings, na faceta investigadora.

Coñecemos as virtudes e deficiencias da universidade porque as vivimos de xeito cotián. Moitas destas eivas proceden da inacción e do cambio de valores dos que levan sete anos gobernando. Íase cambiar a universidade e segue como estaba. Son máis importantes os edificios que os servizos.

De todos os xeitos o noso sindicato manifestouse sempre pola necesidade dun ensino público de calidade nese camiño entendemos que a Universidade para acadar a Excelencia precisa uns orzamentos que posibiliten conseguir ese obxectivo. O noso sindicato apoiará as medidas de presión encamiñadas a conseguilo.

Queremos dicirlle ao Equipo de Goberno que, igual que unha casa se fai comezando polos cimentos,  a Excelencia conséguese, tamén desde unha óptica semellante. Non se vai conseguir cuns servizos pouco dotados de persoal e de recursos, nin co nivel de precariedade laboral existente nin coa externalización tan elevada que ten esta Universidade. A Universidade non pode pensar só na fachada.

En todo caso, de qué se estrañan se foron eles os que nos meteron nun modelo de universidade fundamentado na competencia, onde se sabía de antemán os aspectos máis valorados?

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript