16/08/2010
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Máis colaboracións.
Rodiezmo, un mal trago para sindicatos e
políticos
Tanto a Cándido Méndez, secretario xeral da
UGT, como a Alfonso Guerra, deputado do PSOE,
lles custou alzar o puño cando soou La
Internacional ao peche do acto sindical de
Rodiezmo. O insultante é que Alfonso Guerra
diga que "fronte ao poder inxusto e desigual
dos mercados, que limitan o poder dos gobernos,
non hai mellor palabra que o socialismo". Aínda
que non se equivoca, porque o socialismo que el
representa só presentou aos mercados palabras
ocas. O que se cala, non obstante, é que ese
socialismo que hoxe goberna España cedeu aos
mercados unha das reformas laborais máis
lesivas da nosa recente democracia.
É a primeira vez que Zapatero non acode á festa
dos mineiros e iso non pasou desapercibido a
ninguén. As medidas do Goberno van en contra
dos ideais sindicais, polo que Zapatero debe
percorrer un longo camiño para recobrar a
confianza dos sindicatos.
A crise mundial é culpa da avaricia dos estados
Esta crise, como as anteriores do capitalismo,
vai esixir unha gran queima, crear escaseza
artificial, para que o diñeiro empece de novo a
circular, concentrándose cada vez nun menor
número de mans. Para iso están os estados, para
meternos en guerras preventivas sen principio
nin final e que todos acudamos submisamente a
elas. E se acaso se nos ocorre esixir a paz,
que se decida colectivamente o que se produce,
canto, cando e como se reparte, aí está o
Estado para garantir a orde sacrosanta do libre
mercado e a competencia entre emprendedores.
Podemos seguir botando a culpa á foto dos
Azores ou podemos facer unha actualizada con
novos líderes, pero comprobaremos que non
cambiou case nada.
O cambio climático e a xustiza universal
Malia que o cambio climático e as súas nefastas
consecuencias son xa unha realidade palpable en
gran parte do planeta, parece que a maioría da
comunidade internacional prefire ignoralo en
prol dos seus propios intereses económicos.
A existencia dunha clara relación entre as
políticas practicadas por certos estados e o
cambio climático debería permitir a nivel
global a súa persecución, así como a ulterior
reclamación da pertinente compensación
económica por parte das comunidades ou rexións
afectadas. No caso contrario, a voracidade e o
egoísmo dun puñado de países, seguirá achando
impunidade nunhas actitudes que están a
conducir ao planeta cara a un grande abismo.
O PSOE está canso e prefire dar o relevo
Dá a impresión de que o Partido Socialista e os
seus dirixentes non teñen ningún interese en
seguir á fronte do Goberno, pois non fan ningún
esforzo para arranxar os cada día máis
estrepitosos erros e os erráticos cambios nas
políticas sociais e económicas. Non parece
inquietalos moito verse fóra do poder; todo o
contrario, ás veces dá a impresión de que o que
queren é estar na oposición e darse un respiro,
un período sabático e dar a alternativa ao
Partido Popular.
E todo isto porque saben de antemán que nunha
ou dúas lexislaturas volverán ter a tixola polo
mango.
É necesario que outras forzas polícas actúen
dende a primeira liña, pola saúde democrática
do
pobo e
das súas institucións.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript