setembro de 2010
 
 

06/09/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

A reforma laboral vista desde a óptica da economía creativa.

As empresas públicas están suxeitas ao control das súas contas, para realizalo periodicamente contratan a auditores privados ou audítanse polos propios organismos estatais.

 

 

Pois ben, as empresas públicas tropezan, con frecuencia, na mesma pedra que as empresas privadas practicando o que na súa máis suave cualificación se denomina como “contabilidade creativa” que non esconde outra cousa que a falsidade nas súas contas.

Así constátase que o 30% das empresas públicas, un total de 69, rexistrou irregularidades nas súas contas no exercicio 2008, segundo os informes económico-financeiros das empresas estatais e das fundacións publicados pola Intervención Xeral da Administración do Estado, dependente do Ministerio de Economía. O 26,2% de todas as auditadas obtiveron unha cualificación desfavorable, mentres nun 4,4% dos casos o informe remitido pola empresa foi denegado.

Se isto pasa nas empresas públicas, nas empresas privadas, nas que estes controis, ou non existen ou se realizan dun  xeito tan “laxo “ que é como se non existisen, a fraude é xeneralizada.

Temos unha evidencia nas declaracións de facenda que se realizan por grandes empresarios, magnates… só supón o 3,7 da recadación por IRPF,  e traballadores e pensionistas declaran 7.200 euros máis que as pemes  segundo o denuncian os propios inspectores de Facenda.

Isto pon, ás  claras a existencia na práctica totalidade das empresas dunha denominada “caixa b” que reflicte a actividade delictiva do empresario/a.

Situada neste contexto, de manipulación xeneralizada nas contas de resultados,  a reforma laboral representará un durísimo golpe a traballadores e traballadoras ao ampliar as causas de despido abaratando o seu custo. Así, as meras perdas, como vemos poden amañarse, que dan lugar a unha situación económica negativa son en si mesmas a causa do despido, e xa non se lle pode esixir ao empresario que xustifique porqué os despedimentos van a contribuír a superar esa situación.

Non se establece ningún requisito ás perdas que dan lugar á situación económica negativa, suprimindo a garantía de que as perdas non fosen meramente conxunturais (isto é moi importante porque aínda sendo, as perdas, conxunturais xustifícase o despido, na regulación actual descártase esta posibilidade).

Establece, a reforma laboral, o  despedimento preventivo”: posto que se admite o despedimento que se faga para previr unha futura “evolución negativa”, sen requirir sequera, como agora veu insistindo o Tribunal Supremo “en que a empresa presente as dificultades de forma real, actual e efectiva”.

Con estas medidas esvaécese por completo o que determinaba a lexislación até este momento, o despedimento como última razón á que pode acudir a empresa para asegurar a súa continuidade.

Temos polo tanto a conxunción dun cóctel que resultará decisivo no despido individual ou colectivo.

Por un lado a práctica empresarial que “prepara” sistematicamente as súas contas de resultados.

Por outro lado unha lexislación que posibilita que mediante esas contas “alteradas”, ou en previsión de que no futuro existan perdas, ou sen que estas sexan sistemáticas e prolongadas, se poida despedir ao mínimo custo.

Con medidas coma esta o que realmente se está a permitir, cando non a provocar, é o recambio de traballadores/as fixos, con dereitos, por traballadores eventuais absolutamente precarizados. A isto é ao que nos conduce, se non o evitamos, a reforma laboral.

Diante deste ataque sen precedentes os traballadores temos que estar á altura das circunstancias, a primeira resposta será o día 29 pero somos conscientes de que un só día non chegará

A reforma laboral é a arma do capital para se beneficiar dunha crise creada pola súa avaricia, detrás da reforma laboral virán máis “reformas” (pensións, sanidade…) encamiñadas a conseguir a precariedade laboral e social absoluta, iso é o que quere o capital, o inimigo é o sistema, a batalla hai que dala contra el.

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript