agosto de 2010
 
 

30/08/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

Nativa ou estranxeira, a mesma clase obreira!

Vendéusenos a Unión Europea (UE) como a “casa de todos os europeos”, unha casa con moitos cuartos (habitacións), pero coas portas abertas para facilitar a comunicación, o coñecemento mutuo e, entre moitas máis bondades que postas na boca dos que as nomeaban non deixaban de ser tópicos, permitía o libre movemento, primeiro de capitais, máis tarde de cidadáns.

 

Maldita mentira, esa Europa sen fronteiras é unha falacia, unha farsa, o que de verdade se creou é a Europa dos mercadores e das mercadorías .

A liberdade de movemento funciona para os capitais, isto foi o que realmente lle interesou ao empresariado capitalista (e, por extensión, aos políticos de turno), facilitoulle en primeira instancia o investimento sen ningún custo na Europa emerxente (nos países que foron da órbita  de Rusia) e posibilitou dun xeito inmediato a deslocalización empresarial nesas zonas onde o custo laboral non ten parangón co da “Europa rica”.

Supuxo, tamén, nunha segunda “oleada” o movemento de traballadores/as contratados neses países, cos dereitos económicos e sociais dos países de  procedencia (polo tanto ridículos), para exercer traballos na Europa próspera.

Estes “movementos” do capital respondéronse polos sindicatos de clase  pero non remataron con esa sobreexplotación. Proba de elo son os traballadores mortos nas vías galegas e do estado, traballadores obrigados a percorrer ás veces centos de quilómetro para desprazarse, sen ir máis lonxe, desde Portugal aos seus traballos precarios en Galicia ou noutras zonas do Estado Español.

Este libre movemento funcionou e funciona mentres interesa. Países como Francia e Italia acaban de darlle unha patada a esa liberdade de movementos na que sen ningún problema se move o capital dos ditos países.

Hoxe os/as traballadores/as Romaneses/as están estigmatizados/as na Europa das liberdades. Unha marea de xenofobia esténdese polos países que máis se aproveitan da súa integración (as empresas automobilísticas, téxtiles…  fuxiron inmediatamente para eses países) queren aproveitarse da súa situación económica pero non velos preto das súas casas.

Cando se deu vida á UE tíñase que prever circunstancias coma esta. Cando se integraron estes países, os países  do leste, eses individuos que, coas súas previsións económicas tanto nos asustan, deberían saber que sucederían estes movementos, habilitando, polo tanto,  as partidas económicas necesarias para proceder políticas sociais de integración nos países a onde se trasladen.

No canto de proceder deste xeito resulta máis cómodo e barato, e non ten resposta social debido á crise económica, volvelos, en masa, para o seu país de orixe, con actitudes xenófobas semellantes ás dos guetos de infausto recordo, de feito non se lembra un traslado en masa de igual dimensión desde esa época.

 

Demóstrase que a Europa das liberdades non existe e que a verborrea dos políticos só quere esconder  a máis vil das explotacións.

 

Desde a óptica dos que pensamos que o principio de non discriminación por razón de orixe, raza… é esencial para a democracia, dos que nos manifestamos contra calquera actitude xenófoba, dos que pensamos que os traballadores/as pertencemos á mesma clase e que, polo tanto, corresponde activar políticas solidarias, dos que queremos e loitamos por un mundo sen explotadores e explotados,  O ACONTECIDO EN ITALIA E FRANCIA  É INTOLERABLE!, nas mans de todos/as está, tamén, que non se estenda a outros países.

 

En Francia, organizacións sindicais, políticas es sociais convocan para o 4 de setembro manifestacións contra a xenofobia.

 

Texto completo do chamamento:

Fronte á xenofobia e á política da picota: liberdade, igualdade, fraternidade

Unha avalancha de discursos e anuncios provocadores abateuse, hai varios días, sobre o noso país. Até o máis alto nivel do Estado, óubense propostas que até ao presente eran só exclusiva da extrema dereita. O propio presidente da República apunta o dedo a comunidades e grupos sociais, estigmatiza os xitanos, os nómades, os inmigrantes, os franceses que non son nativos”, os pais de nenos delincuentes, etc. Facendo isto, non se loita contra a delincuencia, que é perseguible para calquera individuo, sen distinción de nacionalidade ou de orixe: pon deliberadamente en causa os principios de fundación da igualdade republicana, mentres que unha crise social e económica de extrema gravidade ameaza xa a cohesión da sociedade.

En poucos días, as máis altas autoridades do Estado pasaron da explotación dos prexuízos contra os inmigrantes pola conexión, agora proclamada, entre inmigración e delincuencia, para pór en dúbida a nacionalidade francesa en termos inéditos desde 1945. O que pretenden con esta acción inscríbese nunha lóxica de desintegración social portadora de graves perigos.

Non se trata do debate, lexítimo en democracia, sobre a maneira de asegurar a seguranza republicana, mais dunhas ganas de, a priori, designar a millóns de persoas como perigosas debido á súa orixe ou situación social. Calquera que sexa a lexitimidade que revisa a elección, ningún responsábel político recibiu mandato para violar os principios máis elementais sobre os cales se constrúe a República.

Porque o principio así superado nos inqueda polo futuro de todos, nós, organizacións sindicais e distintas forzas políticas  que temos en común o respecto polos principios fundamentais da República laica, democrática e social, lembramos firmemente que o artigo primeiro da Constitución “asegura a igualdade perante a lei a todos os cidadáns sen distinción de orixe, de raza ou de relixión”, e que todas as propostas que desprezan esta regra fundadora da democracia constitúen unha afronta á paz civil.

Non aceptaremos  ningún pretexto para que o necesario respecto pola orde pública sexa utilizado para crear distincións entre os habitantes deste país e os que son apuntados como chibos expiatorios.

Apelamos pois ao conxunto dos cidadáns deste país para manifestaren publicamente a súa oposición ás estratexias de estigmatización e de discriminación e ás lóxicas de “guerra “ que ameazan a convivencia social. Por iso, lanzamos un “chamamento cidadán” para ser subscrito na internet rexeitando a política do medo e do odio. E apelamos a unha gran concentración cidadá por ocasión do 140 aniversario da República, o sábado 4 de Setembro na praza da República en París ás 14 horas e por toda a Francia para proclamarmos o noso adhesión á liberdade, á igualdade e á fraternidade que son e continuarán a ser o noso ben común.

París, 4 de Agosto de 2010

Asinantes: AC ! Agir ensemble contre le chômage, Les Alternatifs, Les amoureux au banc public, Association de défense des droits de l’Homme au Maroc (ASDHOM), Association France Palestine Solidarité (AFPS), Association des Marocains en France (AMF), Association nationale des Gens du voyage catholiques (ANGVC), Association républicaine des anciens combattants (ARAC), ATTAC, Autremonde, Cedetim, Confédération française démocratique du travail (CFDT), Confédération générale du travail (CGT), La Confédération Paysanne, La Cimade, Le Cran, Droit au logement (DAL), Emmaüs France, Europe Ecologie, Fédération pour une alternative sociale et écologique (Fase), Fédération des associations de solidarité avec les travailleurs immigrés (FASTI), Fédération nationale des associations d’accueil et de réinsertion sociale (FNARS), Fédération SUD Education, Fédération syndicale unitaire (FSU), Fédération des Tunisiens pour une citoyenneté des deux rives (FTCR), FNASAT-Gens du voyage, Fondation Copernic, France Terre d’Asile, Gauche unitaire, Groupe d’information et de soutien des immigrés (GISTI), Les Jeunes Verts, Ligue des droits de l’Homme (LDH), Ligue de l’enseignement, Marches européennes, Médecins du Monde, Le Mouvement de la Paix, Mouvement contre le racisme et pour l’amitié entre les peuples (MRAP), le Nouveau Parti anticapitaliste (NPA), le Parti communiste français (PCF), le Parti de Gauche, le Parti socialiste (PS), Réseau d’alerte et d’intervention pour les droits de l’Homme (RAIDH), Réseau Education Sans Frontière (RESF), SNESUP-FSU, SOS Racisme, Syndicat des avocats de France (SAF), Syndicat de la magistrature (SM), Union syndicale Solidaires, Les Verts.

Para asinar: nonalapolitiquedupilori.org

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript