agosto de 2010
 
 

30/08/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

Hai que pararlles os pés

Cada pouco tempo, o goberno, ten unha “inspiración”, lástima que sexa sempre para recortar aínda máis os dereitos de traballadores/as, a última ocorrencia é a de reducir, dos 100 días actuais a un total de 30 días o período permitido aos parados/as para rexeitar cursos de formación e ofertas de emprego.

 

 

Deste xeito o Ministro de Traballo Celestino Corbacho, aproveitando a polémica social que crea o cobro do paro quere “criminalizar” a parados/as facéndoos culpables da situación de crise.

Esta iniciativa gobernamental, xunto co paquete completo da reforma laboral, aprobouse no Senado co aplauso a  través do voto afirmativo da dereita, e co rexeitamento hipócrita do PP. Segue así a folla de ruta sen ningún contratempo para o goberno. O obxectivo da precarización absoluta, a nivel lexislativo, están a piques de conseguilo. Acabará o proceso o día 9 de setembro no Congreso dos Deputados,  da nosa resposta dependerá que se leve á práctica.

Mentres que para a banca non hai problemas de financiamento, que o executivo saca dos empregados/as públicos, das pensións…, os que menos teñen, os máis castigados pola crise afúndense cada vez máis no burato  da marxinación social e económica.

O peso da reforma laboral cada vez cae máis sobre a cabeza dos máis débiles. Agora, para percibir a axuda  dos  426 euros, os parados e paradas de entre 30 e 45 anos teñen que ter cargas familiares.

No xornal Publico indícase que”mentres que en Europa se destina o 29,5% das políticas activas de emprego a mellorar los Servizos de Emprego, en España este investimento non chega ao 16,5%. "Ademais, mentres en España se destinan o 29,7% de ditas políticas a bonificacións ás empresas, no resto de Europa destinase a este concepto o 16,9%".

Somos conscientes do abandono que, por parte dos sindicatos maioritarios, sufriron estes traballadores/as, de aí que se tivesen que organizar en asembleas de parados/as (nas que participamos activamente) que se encargan de trasladar á opinión pública a situación do colectivo e presionan diante das institucións para paliar as circunstancias polas que atravesan e dan alternativas para unha saída da crise que respecte e incremente os dereitos dos traballadores/as.

O día 29 de setembro temos que activar esa solidariedade de clase que nos fai fortes diante dos que nos queren sumir na máis absoluta precariedade.

Se non te “move” o aspecto solidario pensa que mañá pode tocarche a ti estar nesta situación, torres máis altas caeron, pensa, tamén, nos teus fillos aos que cada vez lles será máis difícil atopar traballo e, se o atopan, será case seguro un deses traballos basura que cada vez son máis comúns, pensa nese familiar, seguro que o tés, nesa situación…

Pensa, tamén, que, no seu conxunto, a reforma laboral  está formada por unha serie de medidas que van no camiño de equipararnos a todos na precariedade, os elementos que a compoñen son coñecidos porque xa so divulgamos con anterioridade, pero no Senado aínda se tomaron decisións que van no camiño de prexudicarnos máis.

    - PP apoiou unha emenda do PNV que restrinxe a conversión en traballadores fixos a só os temporais que realizasen "idéntica actividade e no mesmo posto" con contratos encadeados durante tres anos, ampliables a outro máis. Na lexislación actual a única condición é que encadee tres contratos.

    - Establécese como causa legal de despedimento se o empregado falta o 20% da súa xornada hábil en dous meses consecutivos.


    - Íase discutir, ao final o PSOE negouse quedando como estaba o texto no que se dicía que concorren causas económicas para o despedimento cando "dos resultados da empresa se desprenda unha situación económica negativa, en casos tales como a existencia de perdas actuais ou previstas; ou a diminución persistente do seu nivel de ingresos".

    - Máis flexibilidade para as empresas. Todos os grupos apoiaron que se eleve dun mes a dous o prazo no que é obrigatorio cubrir a extinción de contratos fixos para as empresas que estean acollidas a bonificacións no pagamento de cotas á Seguridade Social pola contratación indefinida, isto mentres que aos traballadores en paro se lles reduce de 100 a 30 o período de opción.

Como se ve cada vez peor, o caso é seguir dándolle máis poder aos empresarios diminuíndo os dereitos de traballadores/as e parados/as.

Constátase, unha vez máis, do lado en que se posiciona a casta política do Estado.

O caso é que o día 29 s temos que facer nosas, dos traballadores/as, as rúas das cidades e pobos galegos para demostrarlles aos poderosos e ao goberno que é a “voz do seu amo” que a reforma laboral non pasará!.

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript