agosto de 2010
 
 

30/08/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

Outra muller asasinada. Hai que parar a masacre

Na actualidade van 43 mulleres mortas no Estado español en 2010 (no 2009 e a esta altura do ano eran 36), cousa xa por si soa terrible, pero detrás quedan 24 orfos/as o que fai aínda máis tráxica a situación.

 

 

Está claro que algo ten que cambiar, coa inacción estase a dar por bo o número de mulleres mortas que cada ano producen os asasinatos machistas.

Mentres que hai unha especial sensibilidade por todo o que implica o “terrorismo”, sendo o número de mostos infinitamente menor que o que provoca a violencia machista, a presión social e política fan que non se repare en gastos e esforzos para a súa erradicación. Esiximos un esforzo, cando menos, semellante para erradicar esta lacra.

O primeiro que hai que facer é situar a violencia de xénero como un feito que afecta a todos as clases sociais e estamentos da sociedade, tampouco é un feito “importado” (moitas veces cando se da a noticia sublíñase a orixe inmigrante do agresor), tampouco deriva dun baixo nivel cultural, nesta até agora última morte o asasino é mestre (un dos,teoricamente, encargados de transmitir valores positivos ás novas xeneracións). A violencia machista é un xeito de agresión moi integrado na nosa sociedade e derivado do sentido de posesión que o home ten sobre a muller.

A solución é complicada pero é evidente que non hai avances na súa erradicación.

Un dos factores esenciais é o educativo, hai que sensibilizar a nenos e nenas na igualdade, no imprescindible que é unha convivencia correcta entre os cidadáns, no necesario que é o respecto aos “outros”, non impoñer. Os que se opoñen á materia de Educación para a Cidadanía, nunha actuación hipócrita máis, participaron estes días en concentracións e actos de repulsa, moléstanlles os efectos pero non queren eliminar as causas, interésalles manter o estatus de supeditación que ten a muller, o matrimonio “tradicionalista”. Este problema hai que atacalo desde a raíz.

Outro problema é a diversidade de criterios que sobre a violencia de xénero se instalaron nos xulgados (ninguén escapa á súa condición), así aparecen situacións coma a xustificación dun acto violento porque a muller levaba minisaia e ía provocando, ate, máis recentemente, o xuíz que determinou que unha agresión contra unha muller non era violencia de xénero porque o efecto da dita agresión era menor.

Agrávase o problema cando os agresores, a pesar de ter ordes de alexamento, teñen verdadeira liberdade para se aproximar, e agredir ou asasinar, ás mulleres ás que non se podían aproximar.

Toda convivencia orixina problemas, un  dos problemas que, en xeneral, temos as mulleres é que aguantamos moito, e “moitas”, antes de dar o paso de denunciar e rematar coa relación, aquí interveñen causas sociais, económicas, afectivas….

Sempre que haxa o máis mínimo vestixio, hai que acudir aos centros da muller, asociacións feministas…. Neles hai especialistas que poden aconsellar nos primeiros pasos da solución.

 

Hai que rematar coa violencia machista!

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript