agosto de 2010
 
 

30/08/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

Científicos demostran que canto máis curtas son as vacacións, máis se gozan

A noticia de prensa continúa decindo que recomendan prestar certa atención ás tarefas laborais durante o período de descanso

 

 

Esta noticia non di quen pagou o estudo. A nós chéiranos que foi algún ministro/a do goberno de Zapatero preocupado por homologarnos a outros países.

Se non foi este ministro seguro que estará a tomar boa nota do dito estudo porque preocupado como está este goberno polo benestar dos traballadores/as nalgún momento o sacará da carteira para poñelo enriba dalgunha mesa e introducilo nunha reforma laboral que non ten final (comezou aló por xuño e cada semana introducen un elemento novo), esa que segundo eles tanto ben nos traerá aos traballadores que desagradecidos e manipulados non vemos as bondades dunha política que se articula sómente “pensando en crear postos de traballo”.

 As moreas de asesores que teñen estes ministros xa están pensando en qué momento é o máis axeitado para proceder a facelo público aínda que nós xa temos un adianto.

 Algún membro destacado do goberno dirá algo así como:

 “Preocupados pola saúde dos cidadáns e máis en concreto dos traballadores e traballadoras en activo (cada vez menos e máis estresados), debido a que nos países máis desenvolvidos adoitan ter menos período de vacacións, e tendo en conta que hai estudos de preeminentes investigadores que tamén o recomendan, rebaixaremos o período de goce das vacación a unha semana ao ano”.

 Sácanse estudos alternativos e evidénciase que no resto de países do contorno teñen menos horas efectivas de traballo que no Estado Español.

 Pouco despois, un/unha ministro/a desmentirá a noticia dicindo algo así:

  “Aínda que é certo que estamos moi preocupados pola saúde dos traballadores/as e que nos países da nosa órbita non se goza dun período tan longo de vacacións. non está no horizonte próximo do goberno tomar unha medida deste calibre”.

 Diante deste desmentido os traballadores/as respiramos fondo e exhalamos forte, parece que non nolo van a aplicar.

 Pero ao cabo dunhas semanas ou un mes e coa abstención do PP e nacionalistas de dereitas,  que tamén os hai. Cámbiase o Estatuto dos Traballadores e procédese, en ben da produtividade, do aforro e da redución do déficit, á aprobación da medida.

 Isto que dito así é unha tontería pasou co desconto do 5% aos/ás traballadores/as da administración pública e pasará co reaxuste impositivo que, de seguir así as cousas, se introducirá nos orzamentos do ano que ven.

 Debido a patrañas coma a que, de xeito ridículo, tratamos, o goberno perde credibilidade, os traballadores/as xa non cremos nada do que se nos di, andamos coa mosca detrás da orella desde que nos erguemos a cando nos deitamos.

 Esténdese entre toda a cidadanía un ánimo de derrota colectiva pola falta de resposta diante da situación. A reforma laboral están introducíndoa a culleradas, os traballadores/as parécenos que cada día pode acontecer algo peor ca o día anterior.

 Neste mes de agosto, cando saben que as tomas de decisións levan consigo menos resposta xa van varios ataques directos, entre eles:

 Retírase aos parados/as de idades entre 30 e 45 anos o dereito á percepción da axuda de 426€ (ponse como condicionante para a súa percepción que teñan cargas familiares).

 Dásenos o primeiro aviso do incremento impositivo.

 Rebaixase a parados/as o tempo de “graza” para decidir sobre a aceptación dun curso ou traballo.

 Elena Salgado, Ministra de Economía, di que o Executivo manterá a súa proposta de ampliar a idade de xubilación (aos 67 anos)

 Corbacho, Ministro de Traballo, Adianta que o cálculo para o cobro das pensións farase en función dos últimos 20 anos en lugar dos 15 actuais.

 Até cando imos seguir así?

Cando saímos á rúa a demostrar que non imos consentilo que esta reforma non pasara!

 

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript