agosto de 2010
 
 

23/08/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

Contra o lume, hai que cambiar as políticas

A política con respecto ao monte ten que cambiar. É esencial camiñar no sentido de darlle valor engadido ao traballo no monte galego ao mesmo tempo que a política preventiva é imprescindible.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

A empresa pública Servizos Agrarios Galegos (SEAGA) é unha empresa multifunción (o mesmo apaga un lume que serve para limpar as praias en caso de marea negra) forma parte da administración paralela (dos chamados chiringuitos creados polo PP e polo Bipartito) esta creouna o Bipartito ao que desde o primeiro momento se lle atrangatou a xestión dos lumes, froito dese desapego os traballadores/as fixeron varias mobilizacións nesa época.

Como empresa privada que é as condicións de traballo dos traballadores non teñen nin punto de comparación coas dos traballadores da propia Xunta.

Estes días, e pola prensa, están saíndo á luz as condicións de precariedade nas que desenvolven o seu traballo.

Desde mascarillas de papel ate ir aos lumes sen manta ignífuga, sen lanternas nen pinga de auga….

O persoal fixo, aínda estando en mellores condicións, neste aspecto tamén ten carencias, por exemplo, como parte da súa roupa de traballo teñen  botas de goretex  da marca Robusta que indican na etiqueta que non se poden aproximar ao lume ("No las acerque a una fuente de calor porque se acartonaría la piel").

 

Os traballadores de SEAGA denunciaron en xaneiro (26 de Xaneiro de 2010 ) a falta de planificación da precampaña de lumes:

A voceira do comité de empresa de Seaga (Servizos Agrarios Galegos), María Rodinho, denunciou que os traballadores deste operativo "descoñecen" a día de hoxe "como se vai xestionar a campaña e precampaña" de incendios por parte da Consellería de Medio Rural, ao tempo que tampouco se aclarou se se elaborarán listas ao igual que outros anos ou serán chamados directamente polo ente público. Neste sentido, reclamou, en declaracións aos medios hoxe en Santiago, unha "resposta" á Administración autonómica para os traballadores que foron despedidos da empresa e que agora agardan coñecer se volverán traballar para prestar os servizos agropecuarios que atende Seaga, así como asegurou que "se comezarán as mobilizacións oportunas".

Considerou que o conselleiro de Medio Rural e o presidente da Xunta "deberían explicar como o ano pasado había 1.200 efectivos facendo labores de defensa" do monte e, este ano, "non" hai absolutamente ningunha", apostilou. " Como é posible que se deixasen de facer todos estes labores, máxime cos temporais que houbo recentemente?.

Por outro lado, a voceira do comité de empresa denunciou que a Xunta adxudicou contratos en materia silvícola por 4,5 millóns de euros que "recaeron nunha empresa privada" que foron a un ente de cuxa dirección "forma parte o director xeral de Montes" e que contaba entre o seu persoal con agora membros de Seaga.

Hai que darlles de comer aos amigos.

Por este camiño seguro que os lumes non rematan!

Como se pon de manifesto os traballadores/as detectaron e sacaron á luz pública o problema do que deriva a situación actual.

Non poden dicir desde a Xunta que non estivesen avisados.

Tamén é un bo momento para reflexionar sobre as actitudes pasadas do PP, desde a foto da mangueiriña até os discursos onde se acusaba ao Bipartito de neglixencia (que a houbo) pero eles aínda lle poñen máis leña ao lume, as cousas camiñan a peor.


ISTO TEN QUE REMATAR

Por un lado as privatizacións teñen que desaparecer e as empresas desa administración paralela integrarse en tódolos sentidos na Xunta.

 

DESPRIVATIZACIÓN E INTEGRACIÓN NA XUNTA XA!

SEAGA NON SE TRAGA!

Por outro

Unha vez consolidada esa plantilla de persoal ten que articularse, cos propietarios do monte, unha política preventiva que facilite que os lumes non se produzan e, no caso de producirse que se limiten a súa intensidade e propagacion.

Os lumes poden orixinarse por múltiples motivos (causas naturais, accidentes, vinganzas, mesmo unha persoa desequilibrada...) pero tamén pesan factores económicos.

 

 Os lumes, entre outros aspectos, son un efecto do baixo valor engadido do noso monte.

 Derivado dunha política na que se considerou a Galicia como se considera aos paises do terceiro mundo (colonizados) instaláronse no noso territorio empresas coma as celulosas que precisan deste tipo de produción silvícola.

 Todo/a o que está rodeado por eucaliptos sabe perfectamente o que pasa, cando pasa e intúe porqué.

 

Hai xa moitos anos que Galicia empezou a perder os seus formidables bosques de piñeiro galego e de carballo. Foron sibilinamente substituídos por eucaliptos, árbore que ten certas curiosas propiedades: absorbe nun ano a auga que un piñeiro galego en 20, crece de forma rapidísima e ten, loxicamente, moito máis zume que calquera outra árbore autóctona. Dito isto, debemos saber que a maior concentración de fábricas de pasta de celulosa atópanse na Ría de Pontevedra (seguida de preto pola Ría de Huelva).

 Cando un bosque de eucaliptos se queima, arden as follas e a ramaxe fina, o tronco e  as gallas grosas tóstanse polo exterior pero o resto permanece intacto grazas ao zume. É unha árbore sen utilidade madeireira pois as súas táboas non son estables e ábrense facilmente. Realmente soamente serve para dúas cousas: as súas follas como aromatizante (recóllense antes “das queimas") e a súa madeira para pasta de celulosa e aglomerados. Ben, cando rematan os incendios retíranse os troncos queimados e subástanse a prezo testemuñal e... sabemos os que gañan todas esas poxas? A que si... Agora vén a pregunta do millón: Por que non se fai nada?

 No País Vasco creouse unha industria sustentábel arredor do monte, os lumes son moito menores tanto na intensidade coma na frecuencia. Mesmo noutras zonas coma na provincia de Soria, onde  a súa riqueza forestal pertence aos municipios e, por extensión, ás súas xentes, os piñeiros crean riqueza e alí non se produce nin un só incendio, sendo unha das maiores masas forestais do Estado.

 Este último factor é moi complexo, require, entre outras cousas, o cambio de mentalidade dos propietarios do monte que, no canto de pensar en sacarlle rendemento a curto prazo ( o eucalipto produce moito antes aínda que a moito menos prezo) deberían pensar nun rendemento a medio prazo, hai que mentalizalos, tamén, no aspecto ambiental e de sustentabilidade, cousa que se  antoxa tamén complicada pero este é o traballo que hai que facer desde as institucións políticas, desde a Xunta, apoiándose nas asociacións ecoloxistas, sindicais, propietarios con máis criterio, activando políticas que subvencionen e favorezan a reposición dos eucaliptos por especies autóctonas…, e non camiñando pola vía totalmente contraria que é o que pasou e está a pasar.

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript